Presentación das Festas de San Roque 2026 | Concello de Vilagarcía de Arousa

San Roque celebra dúas décadas de Interese Turístico Nacional con 10 días de festa e 81 actividades gratuítas

4 Agosto 2026

  • Vilagarcía celebra en 2026 unha edición moi especial das Festas de San Roque, xa que se cumpren 20 anos da declaración de Interese Turístico Nacional.
  • Así o destacou o alcalde, Alberto Varela, na presentación dun programa que, con motivo desta conmemoración, e cun aire “revival”, recupera a imaxe do can máis famoso da cidade, o do santo patrón, e o slogan de maior éxito nestes anos, o “I can. Hai festa!”.

Acompañado por varios concelleiros do goberno como mostra do traballo conxunto na preparación dos festexos, o rexedor repasou o intenso programa previsto entre o 14 e o 23 de agosto, e que se resume en 10 días de celebracións, 81 actividades gratuítas para todos os públicos (das que 30 serán musicais) e un amplo operativo organizativo, de tráfico e seguridade deseñado para que todo o mundo poida desfrutar “das festas que queremos”.

Tanto o alcalde como a concelleira de Cultura, Sonia Outón, destacaron ao a figura do pregoeiro deste ano, o xornalista pontevedrés Xabier Fortes, condutor do programa “La noche en 24 horas” de TVE e un asiduo das festas de Vilagarcía, cidade coa que garda unha estreita relación.

“Estamos moi orgullosos de que sexa el que abra o San Roque deste ano o venres 14, e cónstanos que el tamén está moi ilusionado, así que seguro que nos ofrecerá un pregón reflexivo e moi divertido”, apuntou Outón.

Varela anunciou a última incorporación ao cartel dos concertos da Xunqueira: a do cantante Barry B, unha proposta para o público máis novo, que se suma ás xa anunciadas de Marky Ramone, Chenoa, Mk Maik e a dos grupos galegos The Ningures e The Skarallas, entre outros.

A concelleira de Cultura explicou que á hora de elixir as actuacións para as festas “síntome como o seleccionador nacional. Hai que coller un número limitado de espectáculos entre os mellores artistas do momento, en función dos recursos dispoñibles e pensando en abarcar os gustos dos distintos públicos. Non é doado”.

A concelleira puxo en valor a participación nas festas das formacións folclóricas e tradicionais do municipio, así como dos grupos musicais locais encabezados, como non podía ser doutro xeito, pola Banda de Música de Vilagarcía.

Unhas festas nas que as orquestras New York e Assia amenizarán as verbenas, os Festicultores Troupe volverán dinamizar a noite do 15 de agosto, a Savoy Club Big Band ofrecerá un espectáculo de boleros, celebrarase o Abril Fado Atlántico, e contarase coas actuacións de A Xaiba, dos Dj Litlle Pi, Kaiser Xosé e La Lepe, e haberá trap a cargo de MK Mike.

Presentación das Festas de San Roque 2026 | Concello de Vilagarcía de Arousa

Preparados para os eventos multitudinarios

E como citas imprescindibles das Festas de San Roque: a procesión popular do día 16, na que volveremos ver bailar ao santo; a posterior Festa da Auga; o Festaclown; o Combate Naval e o desfile de Carrozas.

O alcalde fixo mención aos máis multitudinarios, como o espectáculo pirotécnico e, especialmente, a Festa da Auga, que o ano pasado reuniu a 33.0000 persoas nas rúas da cidade e que este ano podería superar esta cifra.

“Queremos que todo o mundo goce desta divertida celebración con tranquilidade. Por iso temos preparado un dispositivo de seguridade coordinado cos distintos corpos, que contará cun Posto de Mando Avanzado e cámaras de seguridade, un Punto Lila e outro de atención de primeiros auxilios cunha ambulancia medicalizada contratada polo Concello como reforzo”, declarou Varela Paz.

Motor económico

A responsable de Cultura engadiu que as festas de Vilagarcía, “ademais de ser o premio anual para a cidadanía, actúan como motor da economía local ao xerar unha importante actividade no comercio, no sector servizos e na hostalaría locais. Cómpre lembrar que durante as pasadas festas de San Roque pasaron por Vilagarcía 330.000 persoas que compraron e consumiron na cidade”, apuntou.

Como todos os anos, o programa das festas patronais complétase cun importante número de torneos e actividades deportivas de modalidades como fútbol, baloncesto, vela, xadrez, tenis ou multideporte para a poboación en xeral.

O edil do ramo, Carlos Coira, advertiu que aos trofeos de longa tradición, como o Adolfo Pedrido de xadrez, que chega a súa 32 edición, ou o trofeo San Roque de Vela, que suma 58 anos, engádense outros máis recentes, como o EncestaRías Women e o Torneo San Roque de Baloncesto masculino, ambos estreados o ano pasado. O concelleiro tamén destacou a potenciación do deporte feminino, con incorporacións como o evento do EncestaRías ou a Regata da Muller.

Varela rematou a presentación facendo público o seu agradecemento a todo o persoal dos departamentos e servizos municipais “que fan posibles que poidamos celebrar e desfrutar das festas nas mellores condicións”, e tamén aos concelleiros responsables dos mesmos.

Acceso ao programa completo

O programa completo das festas de San Roque 2026 está dispoñible na web municipal vilagarcia.gal e pódese acceder a el a través do QR que figura na cartelería de rúa.

Tamén se difundirá pola redes sociais municipais e, a partir da semana que vén, distribuirase a publicación física nos lugares de costume.

Está pasando!