‘Aquí Cántase 2025’ | Maravallada

As prazas máis emblemáticas do centro histórico de Pontevedra volverán encherse de voces coa celebración de ‘Aquí Cántase’

3 Agosto 2026

  • A iniciativa, que abre a semana grande das festas da Peregrina o vindeiro 7 de agosto, incorpora ao seu repertorio tradicional pezas como ‘O Caíño’, ‘Maneo da Coxa’, ‘O Burro da Tía Lola’, ‘Foliada do Camiño á Festa’ e ‘O Pousa’.
  • O edil de Festas, Demetrio Gómez, salienta que o evento é “o espectáculo con máis artistas” das festas, transformando ao público en protagonistas activos sobre un inmenso escenario urbano.

O vindeiro venres 7 de agosto, a partir das 21:00 horas, ‘Aquí Cántase’ celebra a súa décima edición convertendo o centro histórico de Pontevedra nun multitudinario coro popular.

Esta iniciativa de canto comunitario, impulsada polo Concello de Pontevedra e a asociación de Música Tradicional Maravallada, marcará o pistoletazo de saída das festas da Peregrina transformando a cidade nun gran escenario ao aire libre aberto a toda a veciñanza.

O edil de Festas, Demetrio Gómez, destacou o carácter único desta cita ao sinalar que, de todas as actividades do verán, esta é singularmente a que conta con “menos público” porque “vai restando público e sumando artistas enriba do palco”.

“Somos miles de pontevedresas, pontevedreses e visitantes os que nos botamos a cantar e convertemos estas prazas nun inmenso escenario onde todos somos artistas, todos cantamos e asistimos con moitísima emoción ao nacemento dunha tradición das festas na que cantamos os hits da música tradicional galega”, explicou Gómez.

Pola súa banda, Luis Torres, en representación de Música Tradicional Maravallada, lembrou que o proxecto comezou no ano 2017, polo que este ano acada a súa décima edición, un número redondo que consolida esta cita. Torres incidiu en que non se trata dunha simple actuación, senón dunha “intervención” colectiva na que se agarda superar de novo a barreira das mil persoas.

Como mostra disto, sinalou que se preparan 1.000 copias coas letras das cancións que se reparten e esgotan de inmediato na primeira praza, compartíndose despois entre o público participante.

Catro prazas, vinte cancións e cinco novidades

A actividade comezará ás 21:00 horas e desenvolverase de xeito sucesivo en catro espazos singulares do casco vello: a praza de Curros Enríquez, a praza do Teucro, a praza de Santa María e a praza do Peirao (fronte ao Parador).

O público interpretará un repertorio formado por 20 cancións da música popular galega, cantando 5 pezas en cada localización. Para desprazarse dunha praza a outra sen perder o rumbo, o evento contará co acompañamento e o son da Treboada do Baixo Miño.

Nesta edición, e co obxectivo de que a xente vaia aprendendo novas composicións, incorpóranse as seguintes novidades ao repertorio: “O Caíño”, “Maneo da Coxa”, “O Burro da Tía Lola”, “Foliada do Camiño á Festa” e “O Pousa”. A dirección artística de todo o espectáculo correrá a cargo de Roi Xesteira.

Para participar non se require experiencia previa nin coñecementos musicais. Aquelas persoas que desexen preparar as cancións previamente poderán asistir ao ensaio xeral que se celebrará o mércores 5 de agosto, de 20:30 a 22:00 horas, no Centro Cultural O Burgo.

Este ensaio culmina un traballo de meses realizado en ensaios previos nos centros culturais do Burgo e do Gorgullón, os cales serviron de reclamo para que as familias (fillos, netos e sobriños) se sumen á cita do venres.

A proposta vai máis aló da dimensión cultural e reivindica o canto colectivo como unha experiencia terapéutica e de cohesión social. O canto grupal axuda a mitigar o individualismo e a soidade, reduce o estrés e a ansiedade, mellora o estado de ánimo e favorece o sentimento de pertenza comunitaria.

Trátase, ademais, dun espazo de encontro inclusivo e interxeracional que fomenta a socialización entre a mocidade e o envellecemento activo e a calidade de vida nas persoas maiores, en liña co que sinalan diversas investigacións científicas e a propia Organización Mundial da Saúde (OMS).

Está pasando!