Presentación do ‘Gran Tríatlon do Comercio’ | Concello de Pontevedra

O ‘Gran Tríatlon do Comercio’, unha previa da Gran Final de tenda en tenda

10 Agosto 2026

  • Unha interesante previa ás carreiras do mes de setembro terán lugar en Pontevedra entre o 11 e o 14 de agosto, coincidindo coa Feira do Mel.
  • Trátase do Gran Tríatlon do Comercio, unha iniciativa do Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra, unha ambiciosa campaña de dinamización cultural e turística deseñada para atraer visitantes aos comercios tradicionais e independentes do casco antigo.

“Poñer no mapa o comercio local de Pontevedra co argumento da Gran Final do Tríatlon”. Así presentou a concelleira Anabel Gulías esta actividade que anima a mercar no comercio a ritmo das tres disciplinas deportivas con preguntas interesantes sobre a cidade e as probas de tríatlon que se teñen celebrado aquí. “Unha combinación entre a Gran Final, o comercio local e a Feira do Mel”, en palabra do presidente do centro comercial urbcano, Miguel Lago.

O proxecto conta co apoio oficial das federacións deportivas e o Concello de Pontevedra a través da concellería de Promoción Económica, unha alianza institucional que traslada os valores, o dinamismo e a identidade de marca da Boa Vila como capital mundial do tríatlon directamente ás rúas peonís do centro histórico, fusionando o espírito deportivo coa revitalización do tecido comercial local.

Un circuíto cultural a pé para familias e turistas

A actividade, totalmente gratuíta, consiste nun circuíto urbano de orientación a pé (tipo xincana). É un percorrido chá e sen dificultades técnicas, deseñado tanto para a veciñanza local como para os numerosos turistas que visitan a cidade en agosto. Os participantes deberán recoller o seu “Pasaporte de Triatleta” no posto de información da Feira do Mel (rúa Serra) e visitar os comercios adheridos á campaña.

Mantendo a temática deportiva, o percorrido divídese en tres sectores: o de natación, o de ciclismo e o de carreira a pé. Cada establecemento contará cun código QR único (situado no interior da tenda ou visible no escaparate). Ao escanealo cos seus teléfonos móbiles, os usuarios descubrirán datos históricos sobre a cidade ou anécdotas relacionadas co tríatlon. Para validar o pasaporte, deberán anotar a palabra clave de cada establecemento.

Incentivos comerciais e obradoiros creativos

Para fomentar o comercio local e a participación na xincana e nos obradoiros, as persoas interesadas deberán presentar un ticket de compra —por calquera importe— de calquera comercio do centro histórico da cidade.

Quen complete a metade da cuadrícula (15 casiñas) recibirá unha bolsa promocional oficial de “CCU Zona Monumental”. Quen complete as 30 casiñas do pasaporte recibirá, ademais da bolsa, un doce especial como obsequio.

Paralelamente, a zona da Feira do Mel, na rúa Serra, acollerá dous obradoiros creativos de artesanía de balde. Estas actividades están abertas tanto a adultos como a familias, non requiren inscrición previa e están programadas para dúas datas diferentes, o martes 11 de agosto, de 12:00 a 13:30 h, e venres 14 de agosto, de 11:00 a 12:30 h.

Os obradoiros titúlanse “Deseña a túa medalla de campión” e “Crea o teu chaveiro con técnica de “decoupage”.

A organización lembra aos participantes que, ao tratarse de actividades familiares compartidas, os menores deberán estar acompañados en todo momento por polo menos un adulto responsable, tanto durante a xincana como nos obradoiros.

Pódese consultar toda a información escaneando o código QR principal que aparece nos carteis promocionais expostos nos establecementos participantes.

Está pasando!