Al Safir | Urbana Monte Porreiro

Urbana Monte Porreiro regresa cunha programación de gran nivel nun contorno excepcional

31 Xullo 2026

  • O concelleiro de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, salienta o esforzo técnico para potenciar o programa de verán e manter o espírito de barrio nesta cita de balde que se celebrará os días 4 e 5 de agosto
  • A programación combina as actuacións musicais de referentes estatais e galegos como Al Safir, 9Louro, Daniela Garsal e Kid Mount coa creación de grafitis en directo

O vindeiro martes 4 e mércores 5 de agosto, a partir das 21:00 horas, o Parque do Mirador de Monte Porreiro acollerá unha nova edición do festival de música e arte urbana Urbana Monte Porreiro.

Trátase dunha cita totalmente de balde e aberta que se consolidou como unha gran referencia dentro da escena musical urbana emerxente de Galicia, ofrecendo unha programación de gran nivel nun contorno excepcional.

O concelleiro de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, amosou o seu agradecemento ao equipo técnico do Concello polo grande esforzo realizado para deseñar un programa de verán moito máis intenso e importante. Aínda que a calidade artística deste ano abriu a posibilidade de trasladar as actuacións á praza do concello, a organización decidiu apostar firmemente por mantelas en Monte Porreiro co obxectivo de darlle un histórico salto de calidade ao festival.

“É o lugar de Pontevedra onde mellor se pode organizar un festival deste tipo porque vai perfectamente co espírito de barrio que caracteriza a Monte Porreiro”, salientou o concelleiro, quen tamén definiu o Parque do Mirador como un espazo “excepcional e idílico”.

A dimensión que adquiriu o festival reflíctese nun dato obxectivo: os catro artistas participantes este ano suman en conxunto máis de 1.600.000 seguidores en Spotify.

O festival dividirase en dúas xornadas con dúas actuacións consecutivas cada día:

  • Martes 4 de agosto: Abrirá o festival a artista canaria Daniela Garsal, que ofrecerá a súa característica fusión de xéneros que transita entre o R&B, o soul, o pop e os ritmos latinos. A continuación, será a quenda de 9Louro, recoñecido como o gran artista galego de referencia deste verán tras bater récords ao esgotar todas as entradas da sala Capitol en tan só media hora.
  • Mércores 5 de agosto: A noite comezará coa actuación do rapeiro local Kid Mount, que representará o orgullo do talento local. O peche do festival correrá a cargo de Al Safir, a gran estrela e o artista con maior tirón de todo o cartel. Al Safir destaca no panorama actual pola súa capacidade para combinar temas cunha fonda conciencia social —emparentada co rap tradicional das orixes— con sons plenamente modernos e actuais.

Máis alá da música, un dos grandes acenos de identidade de Urbana Monteporreiro é a súa conexión con outras expresións artísticas. Un ano máis, o festival contará coa creación de grafitis en directo.

Grazas a esta iniciativa, o Concello de Pontevedra foi atesourando unha importante colección de grafitis que se aproveita en diversas actividades municipais, como a recente exposición realizada nos premios Feroz.

O festival comezará puntualmente ás 21:00 horas co primeiro concerto de cada xornada, seguido de inmediato pola segunda actuación, cunha duración estimada de algo máis de unha hora por artista.

Desde o Concello fan un chamamento tanto aos veciños de Pontevedra como aos amantes do xénero urbano de todo o país para que se acheguen a Monte Porreiro a gozar dun espectáculo fantástico e a poñer en valor o extraordinario nivel dos profesionais do país.

Está pasando!