Presentación da XXIX Festa da Ameixa do Carrril | © Concello de Vilagarcía

A Festa da Ameixa do Carril volve á orixe, sen “Capítulo”, máis enxebre e con xapónica en substitución da “desaparecida” babosa

22 Xullo 2024

  • A Festa da Ameixa do Carril volve á orixe, é dicir, co espírito dos anos 90 do século pasado, cando naceu
  • O principal será a degustación do bivalvo, desta volta de xapónica en substitución da babosa, que tralas duras condicións meteorolóxicas do outono e o inverno “practicamente desapareceu” non só no Carril, senón en toda a Ría, segundo advertiu o patrón maior, Javier Quintáns
  • A gran cita será o domingo 11 de agosto. O sábado anterior xa se venderán “tickets” para evitar aglomeracións ao día seguinte

Volver a orixe significa que haberá unha primeira gran novidade: non haberá sesión pública da Orde da Ameixa e polo tanto tampouco o acto no que o Capítulo outorgaba os seus premios, algúns moi discutidos, como o do ano pasado á empresa que pretende explotar a mina de Touro e que foi o detonante da ruptura entre a Confraría, que organiza a Festa, e a agrupación de parquistas, que controla a Orde e o Capítulo.

Polo demais, a festa manterá o seu esquema habitual, aínda que pasa ao domingo anterior a San Roque, rompendo así coa tendencia dos últimos anos, nos que se facía despois. Ás 12:00 horas do domingo 11 será a lectura do pregón, polos televisivos Mozos de Arousa. A esa mesma hora abriranse os postos de degustación da ameixa. Tralo discurso de apertura, entregaranse os premios ao novidoso de concurso de fotografía e tamén os recoñecementos a persoas e entidades que se distinguen na produción ou difusión da ameixa do Carril.



Os prezos mantéñense con respecto ás edicións anteriores. Neste sentido, Javier Quintáns resaltou que a confraría entende que a festa é “unha promoción” e polo tanto non consiste en “apretar” a ninguén, senón a difundir un marisco e unha localización que son únicos. A ración, con prato conmemorativo de barro, terá un custe de 12 euros.

O apartado musical terá tamén marcado aceno local. Por unha banda, ás 12:30 horas actuará o compositor e gaiteiro do Carril Christian Silva. Despois, a partir das 15:00 horas subirán ao escenario Pablo Balseiro and The Verbenian Orquestra. Durante toda a xornada animarán as rúas os grupos de gaitas Os Xirifeiros e Brisas do Ulla.

As billeteiras abrirán, como vén sendo tradicional, a partir das 11:00 horas, pero este ano preténdese instalar un posto de venda de tickets o día anterior, sábado, no centro de Vilagarcía, medida coa que se pretende axilizar o acceso ao recinto ao día seguinte, diminuíndo así as ringleiras que adoitan producirse especialmente antes do inicio da festa.

O acto de presentación tivo como escenario o vello porto do Carril, con vistas á illa de Cortegada. Nel, o alcalde, Alberto Varela, reafirmou o seu compromiso de apoio á Confraría e á Festa da Ameixa, en cuxa organización son parte fundamental diversos servizos do Concello de Vilagarcía. Varela celebrou a volta á orixe e convidou a todo o mundo a acudir ao Carril a un acto lúdico e gastronómico que vén a constituír o gran arranque das festas patronais de Vilagarcía de Arousa, declaradas de interese turístico nacional.

Está pasando!