Presentación de Meleira 2026 | Concello de Pontevedra

Meleira 2026 reivindica en Pontevedra a calidade do mel galego e o papel da apicultura

10 Agosto 2026

  • O tradicional mercado celebrarase na rúa Serra do 11 ao 14 de agosto, promovendo o consumo de produtos protexidos pola IXP Mel de Galicia
  • A programación inclúe obradoiros gratuítos de extracción de mel, catas comentadas, degustacións con produtos locais e actividades para as familias

A Zona Monumental de Pontevedra acollerá do martes 11 ao venres 14 de agosto unha nova edición do seu emblemático mercado do mel, rebautizado como Meleira.

Este evento, que se situará na rúa Serra, á beira do Mercado de Abastos, foi presentado pola edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, quen destacou o firme apoio do goberno local a un dos piares básicos do sector produtivo e primario do país, en estreita colaboración coa IXP Mel de Galicia, a Agrupación Apícola de Galicia (APC) e Zona Monumental.

Durante a rolda de prensa, Gulías subliñou que a Meleira constitúe “un mercado de mel e de produtos de calidade derivados desta gran materia prima”. A concelleira fixo un chamamento a apoiar este evento para activar a economía local e galega, incidindo en que o mel de Galicia conta con altísimos estándares de calidade regulados baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Máis alá do impacto económico, a concelleira de Promoción Económica quixo render un especial recoñecemento ao labor das persoas que traballan na apicultura. “Son unhas pezas fundamentais para manter os nosos ecosistemas, por manter a raia as especies invasoras”, manifestou Gulías, quen tamén salientou que un monte coidado e ben xestionado axuda a facer fronte de xeito máis ordenado á emerxencia climática actual.

Esta reivindicación coincide coas advertencias do propio sector apícola, que sinalou as graves dificultades que atravesa a apicultura por mor de ameazas severas como o parásito da varroa, a avespa velutina e as desfavorables condicións climatolóxicas derivadas do cambio climático.

A Meleira contará cunha completa programación deseñada para toda a familia, con actividades en quendas de mañá e tarde:

  • Obradoiros diarios de extracción de mel (ás 20:00 h), onde os asistentes poderán coñecer de primeira man como se obtén o produto, probalo no momento e participar na extracción.
  • Degustacións gratuítas todos os días, que maridarán o mel con outros produtos autóctonos: o martes inaugurarase con Pan de Cea con Mel de Galicia IXP; o mércores haberá degustación de queixos galegos con DOP; e o xoves e venres ofrecerase iogur con mel.
  • Catas formativas, que inclúen unha cata dos queixos gañadores das catas oficiais do ano anterior (mércores pola mañá) e unha cata didáctica de mel (xoves pola mañá) para descubrir os matices salgados, acedos ou amargos de cada variedade.
  • Actividades infantís e creativas, que inclúen unha función de títeres o martes pola tarde e un obradoiro de elaboración de velas con cera de abella o xoves pola tarde.

A edil de Promoción Económica concluíu animando a veciños, veciñas e visitantes a achegarse á rúa Serra durante estes catro días para gozar de todas estas actividades e apoiar directamente o produto local.

Está pasando!