Mostra ‘Conquistadoras’ | © Concello de Redondela

A mostra ‘Conquistadoras’ xa pode visitarse na Alameda Castelao de Redondela

6 Marzo 2024

A dous días de celebrar o Día Internacional da Muller, a Alameda Castelao loce xa os cubos da exposición ‘Conquistadoras’. A exposición, que no mes de abril trasladarase ao paseo de Cardona, en Chapela, reflicte “o compromiso do Concello de Redondela con todas as mulleres que loitaron polos seus dereitos”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Referentes históricas como Juana de Vega, María Vinyals ou María Pita comparten protagonismo con mulleres destacadas do panorama actual como a cantante Luz Casal, a xornalista Julia Otero ou a enxeñeira redondelá Xunqueira Ézara.

O goberno local lamenta tamén que esta mostra dinámica, que cada ano se amplía coa incorporación de novas figuras femininas, fose obxecto de actos vandálicos. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, lamenta que máis de 30 paneis tiveron que ser retirados “porque estaban literalmente rachados e desfeitos” mentres que outros puideron ser reparados. “É moi grave que a día de hoxe haxa quen esnaquice deste xeito a memoria de mulleres traballadoras e creativas que son un referente para todos e todas”, sinala Rivas.

O acto central deste 8 de marzo celebrarase ás 12.00 horas, na praza do Concello, coa participación de representantes de diferentes colectivos e entidades.

Teatro e Música

A programación do 8M continuará o sábado día 9 coa obra de teatro ‘Revolta’, da compañía Juanito e Filomena, cunha reinterpretación feminista da Historia en clave de humor a cargo das actrices Arantxa Treus e Rocío Romero. A cita é ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira, entrada 3 euros.

O mesmo día, no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, concerto 8M a cargo da Banda de Música de Chapela. Ás 20.30 horas con entrada de balde.

Concertos ‘Petiscos en Igualdade’

Os domingos 10, 17 e 24 de marzo haberá concertos na praza da Constitución con diferentes artistas. O primeiro será o de Su Garrido, o do día 17 correrá a cargo do grupo Noite, e o último será o de Zousaxmas. Nos tres casos as actuacións serán ás 12.00 horas.

Contacontos

O xoves día 14 de marzo a Biblioteca Municipal Xela Arias, en Chapela, acollerá o contacontos ‘Vamos ao recreo’, de Trémola Teatro. Nesta historia, recomendada para público infantil e familiar, unha nena revoluciona o patio do cole onde rapazas e rapaces debían xogar separados. Ás 18.30 horas, entrada de balde.


Está pasando!