Bota a andar a programación do ‘Apego no outono’ en Pontevedra

23 Setembro 2026

  • Son un total de dezaoito sesións dirixidas a familias con crianzas de 0 a 6 anos e teñen como obxectivo arroupar a crianza en galego.
  • Entre as propostas atoparemos novidades no Apego de Pontevedra: o obradoiro de creación dun libro fotográfico infantil, impartido polo docente e fotógrafo Xaime Fandiño, ou a actividade Arrolos de Nadal que ofrecerá a Fundación Legar, entre outras.
  • Os formularios de inscrición tanto para a programación xeral como para ‘Seres máxicos da nosa mitoloxía’, están xa dispoñibles en apuntate.pontevedra.gal

Bota a andar coa chegada do outono unha nova quenda de actividades do programa Apego, dirixidas a familias con crianzas de 0 e 6 anos.

Entre o 1 de outubro e ata o 13 de decembro, terán lugar as diversas propostas que comparten obxectivo: ofrecer recursos para activar ou enriquecer a lingua e xerar espazos de socialización en galego.

Toda a programación é de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. Á hora de adxudicar as prazas, terán preferencia as familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa Apego.

Para solicitar as actividades están activos dous formularios: un xeral para as actividades do ‘Apego no outono’ e outro específico para as actividades ‘Seres máxicos da nosa mitoloxía’, que se desenvolverán os domingos en horario de mañá. Ambos os dous están dispoñibles en https://apuntate.pontevedra.gal/

As familias do concello con nenas e nenos de 0 a 6 anos que aínda non estean integradas no programa Apego poden solicitar cita previa para sumarse ao proxecto.

BEBÉS DE 0 A 3 ANOS

Arrolos, bailes, recitados ou primeiros xogos serán parte fundamental das actividades dirixidas ás familias con bebés de 0 a 3 anos, que arrincan o xoves 1 de outubro con dúas sesións de ‘Prende no colo’, pensadas por Luís Prego e Samuel Soto para iniciar as crianzas máis pequenas na linguaxe, o ritmo e a melodía a partir de distintos temas e xogos tradicionais galegos.

A programación continúa o venres 9 con dúas quendas da actividade ‘Non é unha caixa’, unha proposta do colectivo As Toupeiras, que colabora por primeira vez co programa Apego. Esta actividade sensorial e interactiva combina teatro, música en directo (clarinete e ukelele), narración oral e xogo libre, e está pensada para estimular a curiosidade das crianzas máis pequenas da casa, ao tempo que se fomenta o uso da lingua.

Xa en novembro, a narradora oral Marta Ortiz ofrecerá dúas sesións de ‘Onde nace a lingua’, un canto coral ao galego e á nosa cultura deseñado en colaboración co filólogo Brais Gutiérrez, e que combina adiviñas, trabalinguas, contos rimados, acumulativos e encadeados, con música e distintos obxectos, para dotar as familias dun mosaico de recursos vivos da nosa tradición oral.

O 4 de decembro, da man de Atenea García e o seu ‘Bichocas’, as familias viaxarán a través do mundo animal por medio de distintos obxectos que lles axudarán a descubrir a riqueza léxica do noso idioma.

E o día 11 de decembro será a vez doutra novidade: os ‘Arrolos de Nadal’, unha proposta participativa da Fundación Legar que combina música, canto e movemento acompasado, para aprenderlles ás familias distintas cantigas e tradicións propias do noso Nadal.

A PARTIR DE 3 ANOS

As familias con crianzas de máis idade poderán gozar de dúas actividades específicas. A primeira proposta é unha estrea ideada especificamente para o Apego polo docente e fotógrafo Xaime Fandiño: ‘A volta ao alfabeto en 23 fotos’, que se vai desenvolver en dúas partes, os días 16 e 23 de outubro.

Trátase dun taller de creación dun libro fotográfico infantil para familias con crianzas a partir de 3 anos, no que fotografarán obxectos coa idea de recoller imaxes que sirvan para construír o seu primeiro alfabeto visual.

Durante dúas sesións, as nenas e nenos participantes poderán descubrir como as imaxes serven para nomear, clasificar e contar historias.

O primeiro día (16 de outubro) realizarán fotografías de obxectos, formas e elementos dispostos polo espazo; e na segunda sesión (23 de outubro), construirán un fotolibro colectivo coas fotos obtidas, que funcionará como alfabeto visual, asociando unha imaxe a cada letra.

A actividade ten como obxectivo fomentar a creatividade, a atención á contorna, a alfabetiza ión visual e o desenvolvemento da linguaxe. Ademais, cada participante levará para a casa un pequeno libro que recollerá as imaxes feitas polo grupo e servirá para repasar en casa o traballo realizado no taller.

Pola súa banda, o venres 9 terá lugar a ‘Verbateca’, unha actividade organizada por Mekané para familias con crianzas a partir de 4 anos, na que se propoñerán distintos xogos e probas que haberá que superar para conseguir un tesouro de palabras fermosas.

DE 2 A 6 ANOS

Para aquelas familias que teñan crianzas nos dous grupos de idade, Luís Prego e Samuel Soto ofrecerán unha sesión do obradoiro ‘Para cantar e bailar’, unha actividade para gozar en familia aprendendo cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados; para experimentar os primeiros pasos do baile tradicional e experimentar distintas melodías e ritmos.

SOBRE OS SERES MÁXICOS DA NOSA MITOLOXÍA

Durante as fins de semana terán lugar cinco novas sesións da actividade deseñada polo Colectivo Xurelo e Ab Origine para darlles a coñecer ás familias do Apego con crianzas de máis de 3 anos os seres máxicos da nosa mitoloxía.

Sereas, homes peixe, mouros, trasnos, tardos, dragóns, basiliscos e mesmo seres máxicos propios de Pontevedra, como os trubincos, o Urco ou o demo asubiador, serán protagonistas desta nova quenda de actividades, que se van desenvolver en horario de mañá os domingos 4 e 18 de outubro, 8 e 22 de novembro, e 13 de decembro, en distintas localizacións do concello.

As sesións, de hora e media de duración, constan dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un conto oral, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Ademais, contan con acompañamento e xogos musicais da man de Marcelo Dobode.

Está pasando!