A XIX edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, comeza mañá con máis de 200 actividades para todas as idades

25 Novembro 2026

  • En colaboración con Músicas ao Vivo, o concerto dos premios Martín Códax do sábado servirá para coñecer o último da música galega
  • Culturas Galegas lembrará a Xián Martínez, Méndez Ferrín e Narf
  • Entradas e bonos desde 3,50 euros en Ataquilla.com

Culturgal abre mañá, xoves 26, a súa edición 2026 co espectáculo musical e teatral ‘As Cigarreiras’, dando paso a unha programación que chegará ata o domingo pola noite con máis de 200 actividades e 800 artistas. A inauguración oficial é o venres ás 10:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra.

“Un espello da forza creativa galega, calquera persoa que veña a Culturgal a calquera hora do día poderá ver o último da música, a danza, as letras, os videoxogos, o teatro ou o cine feito en Galicia este ano”, asegura o director de Culturas Galegas, Camilo Franco.

Como prato forte destaca o concerto dos Premios Martín Códax da Música Galega, o primeiro dunha xira que levará ás bandas participantes por toda Galicia. O concerto, organizado por Culturgal e Músicas ao Vivo, será o sábado 28 de novembro ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra (entradas a 13 euros en Ataquilla.com).

Contará con catro grupos dos premiados este ano: Allo Negro, Michu da Rocha, Lidia India e Abril. O mestre de cerimonias será o actor e músico Serxio Zearreta (Lamatumbá). “Unha oportunidade excepcional de ver no mesmo escenario o que se está facendo en Galicia en diferentes estilos musicais”, engade Camilo Franco.

Camilo Franco, director del Culturgal | Culturgal

Outra das grandes citas será este venres 27 con ‘A espera do baleiro’, unha peza de danza contemporánea, coprodución da compañía galega iXa, a Companhia de Dança de Almada e o Centro Coreográfico Galego, dependente de Agadic.

Esta función vai ser, ademais dunha estrea en Galicia, unha homenaxe ao coreógrafo desta peza, Xián Martínez, falecido moi recentemente aos 30 anos de idade (21:00 horas, entrada libre con invitación).

Culturgal terá tamén o venres unha tarde de lembranza para Narf polo seu décimo cabodano (19:00 horas) e, en homenaxe á figura de Xosé Luis Méndez Ferrín, un acto de lectura pública da súa obra o sábado 28 ás 18:00 horas no stand de PuntoGal.

Miguelanxo Prado presenta con Rosa Aneiros ‘Cachita, o paraugas e mais eu’ (sábado 28 ás 19:00 horas) e celebrará en Culturgal o 30 aniversario de Trazo de xiz, cunha exposición que nos descubre o proceso creativo dunha das obras fundamentais da BD galega e universal.

Un ano máis, as familias poden pasar o día no Culturgal, con propostas a todas horas para divertirse e participar. A programación inclúe doce espectáculos para un público familiar, con espectáculos como o de Xampatito Pato (sábado 28 ás 13:00 horas).

As entradas e os bonos para Culturgal están á venta en Ataquilla.com, en adiantado desde 5,50 euros os bonos de 3 días (9,50 en billeitera) e 3,50 euros as entradas sinxelas.

Pola coincidencia coa fin de semana electoral, este ano cambia o acceso a Culturgal, que será a través dun vestíbulo cuberto instalado no exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra (na zona do aparcadoiro).

O programa completo pode consultarse en cultur.gal

Está pasando!