Inauguración da exposición de Pepe Noya | Concello de Ribadumia

Pepe Noya presenta unha selección da súa obra pictórica no ciclo expositivo ‘Ribadumia é arte’

18 Novembro 2026

O anfiteatro do Auditorio de Ribadumia acolle ata o 15 de xaneiro unha nova mostra deste programa, dedicado a dar visibilidade aos artistas locais e ás distintas expresións artísticas.


O Concello de Ribadumia continúa coa programación de ‘Ribadumia é arte’, o ciclo expositivo co que pon en valor o traballo dos artistas locais e achega diferentes disciplinas artísticas á veciñanza. Nesta ocasión, o protagonista é Pepe Noya, creador do municipio que presenta unha selección das súas obras pictóricas, entre as que destacan representacións ao óleo de diferentes lugares da nosa contorna, como A Lanzada, Cambados, Pontevedra ou a Ruta da Pedra e da Auga.

A exposición foi presentada este mércores nun acto no que participaron o propio Pepe Noya, o alcalde David Castro, concelleiros do equipo de goberno, outros artistas que formarán parte do ciclo expositivo e veciñanza. A mostra atópase no anfiteatro do Auditorio de Ribadumia e permanecerá aberta ao público ata o 15 de xaneiro.

‘Ribadumia é arte’ comezou o pasado mes de setembro coa exposición de maquetas de María Elisabeth Martín e desenvolverase ata maio, cunha programación que dará cabida a diferentes artistas e modalidades creativas, entre elas a pintura, a fotografía e a escultura.

A través desta iniciativa, o Concello busca facer da cultura e da creación artística unha parte activa da vida municipal, facilitando que os creadores dispoñan dun espazo no que compartir o seu traballo e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e achegarse a distintas expresións artísticas sen saír de Ribadumia.

Está pasando!