Subida ao Monte de Santa Trega | © Trail do Trega

Comeza a conta atrás para unha nova subida ao Monte Santa Trega da Guarda

29 Setembro 2023

Xa están abertas as inscricións para participar no Trail do Trega, a carreira dos famosos castros celtas, sendo esta a terceira e última proba da competición correspondente á Pontevedra Trail League 2023, tralas do Monte Aloia e a dos Muíños do Folón. Por iso, os que aspiren a gañar a “liga” terán que loitar por ocupar os primeiros postos.

Nesta décima edición haberá algunhas novidades, a primeira, as dúas distancias, 12 km con 450 metros de desnivel positivo para o Mini-trail e 19 km con 900 metros de desnivel para o Grand Trail. Ámbolos dous, por primeira vez, sairán á mesma hora, compartindo parte do percorrido.

A segunda novidade é o límite de prazas, 200 para cada unha das probas, xa que o Monte Santa Trega é un ben patrimonial e non pode, nin debe, estar saturado de corredores.

A terceira novidade, unha gran sorpresa para todos e todas, que será comunicada pola organización cando nos acheguemos un pouco ao propio día do evento.



Cabe lembrar que o sábado 18 de novembro terá lugar unha andaina popular para as persoas que o desexen, previa inscrición.

Os deportistas que xa participaron en anteriores edicións coñecen ben as fabulosas vistas que ofrece o monte Santa Trega, o segundo lugar máis visitado de Galicia, só por detrás da Catedral de Santiago. Os que se apunten por primeira vez descubrirán unha experiencia única “ver as augas do Atlántico bañando a vila guardesa”, unha imaxe que sempre se lembra e queda para o recordo.

Por iso ata as 23:59 horas do día 15 de novembro, os que o desexen poderán anotarse para participar no X Trail do Trega, a través de www.traildotrega.com

Está pasando!