Exposición ‘Bifrontes’ | Deputación de Pontevedra

Exposición 'Bifrontes' en Pontevedra

mér18novConsultardom14febExposición 'Bifrontes' en PontevedraMuseo de Pontevedra en colaboración coa UVigo(Consultar) Edificio Sarmiento. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Toda imaxe bifronte é unha pregunta aberta que obriga a soster dúas miradas simultáneas e a aceptar a coexistencia de sentidos irreconciliables.

Esta nova exposición do Museo de Pontevedra en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo parte desta tensión evocando a Xano, a divindade romana representada con dous rostros que miran en direccións opostas.

Na antiga Roma, a ianua era a porta principal de entrada dunha casa ou domus e estaba vencellada a Xano, protector dos comezos e dos finais. Así como una porta ten dúas frontes ‍―unha cara ao exterior e outra cara ao interior―, este deus ten dous rostros e a súa posición é a de quen ocupa o lugar que permite pasar dun espazo a outro. Deste xeito, a figura bifronte representa a forma do que permanece no limiar; a forma dunha identidade constituída no tránsito mesmo que se atopa “entre” dous espazos, e a ambos os dous lados simultaneamente.

Porén, a fórmula bifronte non se limita a Xano e, especialmente desde o século i a. C., os romanos produciron tamén hermas dobres nas que se unían dúas cabezas nun mesmo soporte para combinar divindades, idades, sexos ou tipos iconográficos distintos. Esta exposición está presidida precisamente por unha destas hermas, unha peza que nos convida a pensar a coexistencia de categorías contrapostas e a imaxinar aquilo que acontece xustamente no límite, no encontro entre o pasado e o futuro, o interior e o exterior, a identidade e a alteridade.

Nas obras reunidas nesta mostra, realizadas por artistas vinculadas e vinculados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o límite convértese nun contexto de produción onde as categorías se suspenden, se contaminan e se transforman. A propia situación da facultade, atravesada na actualidade pola renovación dunha parte significativa do seu corpo docente, marca unha profunda transformación que xera unha experiencia bifronte; esixe unha mirada retrospectiva que recoñece as pedagoxías, proxectos e liñas investigadoras que definiron a identidade do centro desde a súa fundación en 1990, ao tempo que proxecta unha ollada cara ao futuro para cuestionar como se reconfigurarán as relacións entre ensino, investigación e produción artística ou que novas prácticas se farán presentes na facultade que vén.

Esta concorrencia entre o pasado e o futuro da facultade, encarnada e sostida nas diferentes obras expostas, constitúe propiamente un estado de tránsito que esta mostra, convertida en limiar, propón explorar.

Comisaria: Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes

Artistas: Ignacio Barcia, Luca Carrero, Cristina Chiarroni, Itziar Ezquieta, Nuria Figueiredo, Christian García Bello, Diego Germade, Borxa Guerrero, Yolanda Herranz, Lucía Leirós, Chelo Matesanz, Juan Luis Moraza, Mónica Ortuzar, Begoña Paz, José Andrés Santiago e Javier Tudela

Do 18 de novembro de 2026 ao 14 de febreiro de 2027 no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.

Horario:

  • De martes a sábados: de 10:00 a 21:00h.
  • Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00h.
  • Pechado os luns e os días 1 e 6 de xaneiro e 24, 25, 31 de decembro.

Hora

Novembro 18 (Mércores) - Febreiro 14 (Domingo)

Localización

Edificio Sarmiento. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3, 36002 Pontevedra

Está pasando!