Concerto de Layuca en Pontevedra

lun03ago22:30Concerto de Layuca en Pontevedra32º Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra22:30 Praza da Ferraría - Pontevedra

Detalles do Evento

Volve o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, xa na súa trixésimo segunda edición, con intérpretes internacionais, músicos galegos, cantantes e instrumentistas. Do luns 3 ao venres 7 de agosto, cinco noites cheas de expectativas e variedade que farán desfrutar a calquera afeccionado á música.

Os concertos centrais celebraranse, coma sempre, na praza da Ferraría a partir das 22:30 horas e con entrada de balde.

Ademais, a música tomará as rúas da cidade da man da agrupación Brass Atlantic, cuxos pasarrúas animarán o ambiente ás 20:00 e ás 00:30 horas.

 LAYUCA 

Luns 03/08 | 22.30 h | Praza da Ferraría | Entrada gratuíta

FORMACIÓN:

REYNIER ALDANA – Voz/baixo
ISRAEL CHOUZA – Guitarra
PEDRO GREGORIO – Teclados
ESTEBAN GONZÁLEZ – Batería
JAVIER PEREIRO – Trompeta
ALEXANDER OMAR – Saxo

Layuca é unha banda de afrofunk establecida en Galicia, nacida en 2022 arredor dun cuarteto base galego-cubano cunha ampla traxectoria en proxectos nacionais. Os seus compoñentes compartiron escenario, participaron ou forman actualmente parte de proxectos paralelos con artistas do talle de Tamara, Julián Maeso, Grande Amore, Wöyza, Néstor Pardo, Luís Fercán ou Homenaxe a Buena Vista Social Club, ademais doutras iniciativas e propostas musicais dentro do circuíto galego.

A súa proposta fusiona funk contemporáneo, jazz, blues e rock mestizo con ritmos tradicionais afrocubanos. Layuca destaca pola enerxía do seu directo, o pulso rítmico e a chamada ao baile a través dun repertorio de temas propios.

Un potente cuarteto reforzado por unha vibrante sección de ventos que fará latexar todo o público. En 2024 publican os seus primeiros sinxelos, “Señales” e “Pétalos de Gris”, cunha grande acollida por parte do público e dos medios, adiantando o universo sonoro do seu primeiro EP, Para sentir + (2025).

O grupo foi ademais proposto como mellor directo nos Premios Maketón de Los 40Principales, e o seu proxecto foi salientado por plataformas internacionais como Newness Cuba e por medios galegos como Los 40 Vigo ou Cadena SER Santiago.

 JUZZ 

Martes 04/08 | 22.30 h | Praza da Ferraría | Entrada gratuíta

FORMACIÓN:

VIRXILIO DA SILVA – Guitarra
ROSOLINO MARINELLO – Saxo Tenor
ÁLEX SALGUEIRO – Mellotron, frauta e órgano Hammond
XAN CAMPOS – Rhodes, Poly D
FÉLIX BARTH – Baixo eléctrico
IAGO FERNÁNDEZ – Batería

Juzz é a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva, un nome máis relacionado nun principio coa escena jazzística, aínda que non só se pode cinxir a ese xénero musical.

Virxilio, ademais de ter colaborado en numerosas gravacións e directos como sideman ao longo dos últimos vinte anos, colidera tamén bandas como Foxy Freire, Loiros, Fuzzo, The Manueles ou Steel Sheep, que reflicten a variedade estilística na que este músico se sente especialmente cómodo.

As orixes deste proxecto persoal remóntanse aos seus estudos de mestrado en Holanda.

Como parte do traballo de final de estudos, Virxilio presentou en 2015 algunhas das composicións que posteriormente gravaría no primeiro LP homónimo do grupo, traballo que vería a luz na primavera de 2018. Nel presentaba os seus traballos máis recentes, froito dos últimos anos de procura e experimentación, unha música cuxas influencias van desde o rock máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta até o jazz, pasando polo pop avant-garde máis experimental, o noise ou o stoner.

A música de Juzz ten como máxima a procura da liberdade alén da súa clasificación nun xénero determinado, e aspira, por enriba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva.

En abril de 2024, o selo lucense de rock progresivo áMarxe publica unha reedición en formato CD do seu primeiro disco, que inclúe material inédito da sesión de gravación orixinal.

O lanzamento recibe moi boa acollida entre o público especializado, colleitando excelentes críticas dentro e fóra do país.

Conforman este proxecto o propio Virxilio da Silva (guitarra e composición), Rosolino Marinello (saxo tenor), Álex Salgueiro (órganos e sintetizadores), Xan Campos (Rhodes e sintetizadores), Felix Barth (baixo eléctrico) e Iago Fernández (batería). Todos eles son músicos consagrados na escena musical galega, estatal e internacional .

No verán de 2023 entran de novo no estudio para rexistrar o seu segundo traballo, novamente homónimo e que funciona como unha segunda parte do de 2018, ao mesmo tempo que abre as portas á exploración de novos territorios sonoros e estilísticos. O disco preséntase oficialmente en novembro de 2025 e a banda ten preparadas xa novas aparicións en 2026 en diferentes salas, ciclos e festivais.

 NILS PETTER MOLVÆR -KHMER 

Mércores 05/08 | 22.30 h | Praza da Ferraría | Entrada gratuíta

FORMACIÓN:

NILS PETTER MOLVAER – Trompeta
EIVIND AARSET – Guitarra
JAN BANG – Electrónica
DJ STRANGEFRUIT – Platos
AUDUN ERLIEN – Baixo
RUNE ARNESEN – Batería
PER LINDVALL – Batería

Figura esencial do jazz europeo contemporáneo, o trompetista, compositor e produtor musical noruegués Nils Petter Molvær teceu, desde os anos noventa do século pasado, unha linguaxe propia onde o máis puro son da trompeta convive en harmonía coa electrónica, a improvisación e a exploración sonora.

Colaborador habitual dos grandes nomes do prestixioso jazz escandinavo, Molvaer é tamén un dos artistas europeos máis solicitados internacionalmente. A súa música ampliou os horizontes do jazz no Vello Continente ao longo das últimas décadas, e marcou a unha xeración enteira de intérpretes e compositores.

En 2023 cumpriuse o 25º aniversario de ‘Khmer’, disco revolucionario lanzado en 1998 que foi todo un fito —vendeu máis de 250.000 copias en todo o mundo— e que abriu un territorio novo onde o jazz dialogaba harmoniosamente co hip-hop, o drum’n’bass, o ambient, o techno, a música industrial e a música electrónica, axuntando a liberdade do jazz co potencial sonoro do pop/rock.

Ritmos contundentes, palpitantes e unha inconfundible trompeta cargada de intensidade e calidez, foron os ingredientes principais dun álbum que segue sendo unha obra fundacional do jazz mestizo europeo contemporáneo.

Para conmemorar a efeméride, Molvaer e o grupo de excepcionais músicos que sempre o acompañaron decidiron volver levar aquel disco aos escenarios, revisando e actualizando o gravado máis de vinte e cinco anos atrás, para completalo desde a evolución que transformou aquela música no jazz dos nosos días.

Khmer é hoxe tan magnético e atrevido como o foi na súa orixe, e embarcános nunha viaxe emocionante que se move entre a intensidade, a beleza e a vibración electrónica. É unha ponte entre xeracións e xéneros, unha obra máxica que segue sendo inspiradora, sempre viva e sempre nova.

Unha xoia da historia do jazz noruegués que nos leva a territorios inexplorados, coa súa heteroxénea, pero ao mesmo tempo complementaria, mestura de sons, estilos e ritmos.

 RAPHAEL WRESSNIG´S | SOUL GIFT FEAT. GISELE JACKSON 

Xoves 06/08 | 22.30 h | Praza da Ferraría | Entrada gratuíta

FORMACIÓN:

RAPHAEL WRESSNIG – Órgano Hammond B-3, voz
ENRICO CRIVELLARO – Guitarras
ERIC CISBANI – Batería
GISELE JACKSON – Voz principal

Raphael Wressnig é un excepcional instrumentista, compositor e produtor que domina como ninguén os segredos do órgano Hammond B-3.

O seu persoalísimo estilo xorde dunha moi particular visión de como debería fusionarse o clásico e o moderno, combinando o soul máis auténtico —ao estilo de Nova Orleáns— co blues profundo e co rythm&blues, aderezado todo iso cun toque de funk contemporáneo para ofrecer un son único, dinámico e vibrante.

O seu absoluto dominio de todos estes estilos valeulle o recoñecemento da crítica internacional e múltiples candidaturas a distintos galardóns durante os últimos anos nos premios da crítica de DownBeat, como aspirante a Mellor Organista do Ano.

Wressnig publicou ata a data máis de 20 álbums —algúns deles en directo— entre os que destacan Soul ‘Gumbo’ ou ‘Chicken Burrito’.

Soul Gumbo foi gravado en Nova Orleáns e conta coa participación de aclamadas figuras como o gañador dun premio Grammy Jon Cleary, George Porter Jr., o batería Stanton Moore e a lenda do R&B Walter “Wolfman” Washington (quen participou por certo no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra).

‘Chicken Burrito’ é unha obra mestra do Groove coa participación de Alex Schultz na guitarra e do lendario batería de funk James Gadson.

Xunto ao seu grupo, Soul Gift, Raphael Wressnig exhibe o potencial do soul, o blues e o funk na escena musical contemporánea.

Cru e contundente, o grupo conta nesta ocasión coa participación estelar da vocalista Gisele Jackson, que comezou a súa carreira formando parte do coro de Ray Charles para colaborar posteriormente de forma habitual nas xiras de figuras míticas como Donna Summer ou James Brown. Tamén foi incluída frecuentemente no elenco dalgúns dos máis famosos musicais de Broadway.

Ambos, a diva internacional e o aclamado organista, nunha simbiose marabillosa, ofrecen ao público unha nova e vibrante forma de experimentar os xéneros clásicos do blues, o soul e o rythm&blues, que non deixa indiferente a ninguén.

 CYRILLE AIMÉE QUARTET 

Venres 07/08 | 22.30 h | Praza da Ferraría | Entrada gratuíta

FORMACIÓN:

CYRILLE AIMÉE – Voz, ukelele e looper
CARL HENRI MORISSET – Piano e teclados
MATTEO BORTONE – Contrabaixo e baixo
PEDRO SEGUNDO – Batería e percusión

Cyrille Aimée creceu nun fogar multilingüe, cunha rica herdanza cultural, rodeada de música e ao ritmo da bachata e o merengue da República Dominicana, terra natal da súa nai. A súa casa familiar atopábase en Samois-sur-Seine, unha pequena cidade situada ao sueste de París, famosa por ser durante anos a sede do Festival Django Reinhardt, un dos maiores encontros anuais de jazz no centro de Europa.

Sendo só unha adolescente, Cyrille escapaba de noite pola fiestra do seu cuarto para mesturarse cos músicos. Estas temperás experiencias espertaron nela unha enorme paixón polo jazz e a inspiración necesaria para perseguir o seu soño: vivir nunha comunidade musical global unida pola creatividade e a espontaneidade, sen límites nin fronteiras.

Deste xeito, aos 20 anos, Cyrille xa vivira en catro continentes. Tras unha tempada instalada en Santo Domingo, mudouse a Nova York, onde estudaba música durante o día e traballaba como cantante nos clubs de jazz de Manhattan pola noite. O seu talento precoz de intérprete improvisadora, cálida e enxeñosa, levouna a compartir escenario co lendario Roy Hargrove nun dos clubs de jazz máis famosos do mundo: o Teatro Apollo de Harlem.

Pouco tempo despois, foi apadriñada por Stephen Sondheim, unha das figuras do teatro musical neoiorquino, quen a invitou a actuar xunto a Wynton Marsalis e a Jazz at Lincoln Center Orchestra nun aclamado concerto no City Center de Nova York.

En 2007 foi galardoada como a mellor cantante no Festival de Jazz de Montreux. En 2010 foi finalista do prestixioso concurso de jazz Thelonious Monk, e en 2012 gañou o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Cantantes de Jazz Sarah Vaughan.

No ano 2017 decidiu mudarse a Nova Orleáns, cidade da que se namorou tras unha visita na que puido tomar conciencia da súa singular mestura de herdanza latina, francesa e afroamericana. Alí puido explorar plenamente todas as facetas da súa propia identidade musical, liberándose para ir máis aló das limitacións dos xéneros e conectar coa súa creatividade interior.

En 2019 lanzou o seu álbum Move On, que incluía a composición, “Marry Me a Little”, candidata a un premio Grammy. A partir de 2020, entrou no mundo dixital a través dunha serie de colaboracións en vídeos de YouTube e a súa preciosa versión de “La Vie en Rose” foi visionada máis de sete millóns de veces ata a data.

Chea de enerxía e imparable, en 2021 adquiriu un terreo nos bosques de Costa Rica, deseñou e construíu unha casa, e alí comezou un novo proxecto: compoñer cancións inspiradas na súa propia vida, abarcando cada aspecto da súa traxectoria ata ese momento, combinando a profundidade e a sofisticación do jazz coa inmediatez do pop e cos ritmos bailables e incontidos do Caribe. O resultado de todo iso foi o álbum titulado à Fleur de Peau, lanzado no ano 2024, e candidato aos premios Grammy.

En 2025 lanzou o seu último disco ata a data, 4.24 (Live), gravado en directo a partir de catro concertos ofrecidos no famoso club neoiorquino Birdland, durante o mes de abril de 2024 (de aí o seu título).

Para esta extraordinaria cantante e compositora, a música é tanto unha forma de vida como unha expresión artística, o que lle permite explorar o seu talento creativo alá onde a leven as inspiracións da súa rica herdanza cultural e a súa cosmopolita experiencia vital, sen deixar de ser sempre fiel ás súas raíces.

Hora

(Luns) 22:30

Localización

Praza da Ferraría

Praza da Ferraría, Pontevedra

Está pasando!