‘Kneecap’ | Rich Peppiatt, 2024

O ciclo ‘Cinema e Estrelas’ regresa á Praza da Pedreira para gozar da sétima arte baixo o ceo pontevedrés

7 Xullo 2026

Entre o martes 7 e o sábado 11 de xullo, a Praza da Pedreira de Pontevedra transfórmase en sala de cinema ao aire libre para acoller as proxeccións do ciclo ‘Cinema e Estrelas’, da man do Cineclube Pontevedra.

Esta iniciativa, que se integra dentro da programación das Festas de Verán do Concello, ofrecerá un total de cinco proxeccións de calidade contrastada en versión orixinal subtitulada (VOSE), con pases que comezarán puntualmente ás 23:00 horas e cun acceso de balde ata completar a cabida do espazo.

Un plan perfecto para gozar das noites de verán: para amantes da música urbana en gaélico irlandés, os mercados nocturnos taiwaneses, o queixo Comté, as viaxes no tempo e o meneo das cadeiras de John Wayne.

A carteleira arrancará o martes 7 co filme irlandés ‘Kneecap’, dirixido por Rich Peppiatt e rodado en gaélico. Esta cinta narra a historia de dous rapaces que forman unha banda de rap na súa lingua nativa coa axuda do seu profesor de música.

O filme, que representa a Irlanda nos Óscar, gañou o Premio do Público no prestixioso Festival de Sundance.

O mércores 8 será a quenda de ‘A rapaza zurda’, obra da directora taiwanesa Shih-Ching Tsou. Trátase dun debut en solitario que narra o traslado de tres xeracións dunha familia a Taipei para montar un posto de fideos, mentres conviven cunha peculiar superstición familiar sobre a man esquerda da filla pequena.

O filme foi rodado integramente con iPhones en localizacións reais e luz natural, e contou coa coescritura e produción do recoñecido cineasta Sean Baker.

A comedia francesa ‘A receita perfecta’, dirixida por Louise Courvoisier, será a protagonista do xoves 9. O argumento xira arredor dun mozo de 18 anos que asume a responsabilidade de manter a súa irmá pequena e decide inscribirse nun concurso agrícola de queixo Comté para obter o premio de 30.000 euros.

O filme foi galardoado co premio á mellor ópera prima nos Premios César e co Premio da Xuventude en Cannes.

O venres 10 o público poderá gozar de ‘Arco’, cinta francesa de animación en 2D dirixida por Ugo Bienvenu. Ambientada no ano 2075, relata a historia de Iris, unha nena que convive con hologramas e robots, e Arco, un viaxeiro do tempo que chega dun mundo en harmonía coa natureza.

A longametraxe obtivo o prestixioso Cristal no Festival de Annecy e foi nomeada aos Óscar.

O broche de ouro do sábado 11 será a proxección en formato de 35 milímetros do clásico de John Ford ‘O home que matou a Liberty Valance’ (1962).

O presidente do Cineclube definiu esta película como “unha obra mestra indiscutible do cine” que conta cun elenco estelar encabezado por James Stewart, John Wayne, Lee Marvin e Vera Miles.

Está pasando!