XIV Torneo Internacional de Xadrez de Pontevedra | Concello de Pontevedra

O XIV Torneo Internacional de Xadrez converte a Pontevedra na capital do taboleiro con record de participación e a presenza da campioa Sabrina Vega

23 Xullo 2026

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, foi a encargada de iniciar a rolda de prensa de presentación do XIV Torneo Internacional de Xadrez de Pontevedra, que arrancará o vindeiro 24 de xullo.

Na súa intervención, Gulías destacou a importancia de poñer en valor a constancia deste evento, xa considerado un clásico do verán, e celebrou a “alianza institucional” entre o Concello, a Universidade de Vigo, outras administracións e a Escola de Xadrez de Pontevedra, institución que organiza o torneo e que este ano celebra o seu 25 aniversario.

A presentación contou coa presenza da Mestra Internacional Sabrina Vega, unha das grandes referentes do xadrez feminino en España. Con un palmarés que inclúe unha medalla olímpica, dous subcampionatos de Europa e nove campionatos de España absolutos, Vega é tamén Premio Raíña Sofía do CSD, galardón que recibiu tras negarse a participar nun mundial en Arabia Saudí debido ás medidas discriminatorias cara ás mulleres.

Vega agradeceu o apoio das institucións públicas e reivindicou o xadrez como unha “ferramenta superbonita” e versátil nas idades temperás, que vai máis alá do taboleiro para xerar valores sociais. Como parte da súa visita, a campioa impartirá unha charla e clase maxistral na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte.

XIV Torneo Internacional de Xadrez de Pontevedra | Concello de Pontevedra

Pola súa banda, Juan Manuel Corbacho, director da área de xestión de infraestruturas do campus de Pontevedra (en representación da vicerreitora María Fernández Vilariño), subliñou os case 20 anos de estreita colaboración coa Escola de Xadrez. Corbacho destacou que o apoio da Universidade vai moito máis alá da cesión de espazos, incidindo na forte vertente social e educativa que ten o torneo e os proxectos asociados na cidade.

O director do torneo e representante da Escola de Xadrez de Pontevedra, Pablo García, foi o encargado de pechar o acto debullando os detalles técnicos do evento, que conta co financiamento do Concello, a Deputación e a Universidade. García confirmou que esta edición podería superar os récords históricos de Galicia, con máis de 250 xogadores inscritos, 22 nacionalidades (destacando 17 representantes da India) e 51 xogadores con titulación internacional.

Un dos grandes obxectivos da organización é o fomento da igualdade e a inclusión. Grazas á aposta por figuras como Sabrina Vega, o campus de verán paralelo acada este ano case un 40% de participación feminina. Así mesmo, o torneo amosará a súa faceta máis interxeneracional e inclusiva, con participantes que van dos 7 aos 81 anos de idade, e a presenza de seis xogadores da delegación da ONCE para persoas con discapacidade visual.

O evento desenvolverase no Pavillón Universitario, unha localización moi aplaudida pola súa accesibilidade e integración no centro da cidade, o que permite aos deportistas gozar do lecer e a cultura pontevedresa a pé.

Finalmente, o torneo retransmitirá as súas partidas en directo a través das grandes plataformas de xadrez de internet, co obxectivo de proxectar a imaxe da cidade ao mundo e tentar superar o millón de visualizacións acadado na pasada edición.

Está pasando!