Lérez Up 2025 | Gabriel Pardo

A Lérez Up aposta de novo polo K-Pop cunha programación ampliada e o regreso do concurso

22 Xullo 2026

A competición, patrocinada por segundo ano consecutivo por WordPress.com, contará con premios ampliados, novas actividades e vinte actuacións en directo


Tras o enorme éxito da zona K-Pop nas últimas edicións, Lérez Up volverá dedicar un espazo específi co a este xénero na súa quinta edición, que terá lugar o 12 e 13 de setembro no Recinto Feiral de Pontevedra.

As inscricións para o Concurso de K-Pop abríronse o luns 20 de xullo e a acollida foi inmediata: en menos de dúas horas xa se cubriran o 70% das prazas dispoñibles, o que volve poñer de manifesto o gran interese que esperta esta actividade entre o público da Lérez Up.

A competición terá lugar o domingo 13 de setembro ás 17:00 horas e reunirá no escenario arredor de vinte actuacións moi diversas. Ademais, nesta edición aumentarase o premio en metálico en ambas categorías, reforzando aínda máis unha competición que se consolidou como unha das actividades máis populares e demandadas do evento.

O programa da zona K-Pop desenvolverase durante toda a fin de semana, con actividades dirixidas tanto a quen xa forma parte desta comunidade como a quen queira descubrila por primeira vez. Entre as actividades previstas hai varias sesións de Random Dance, un xogo para poñer a proba os coñecementos musicais dos asistentes con cancións do xénero, unha charla introdutoria sobre como comezar no mundo do K-Pop impartida por expertos do sector, e unha proxección da xira ‘Break the Wall’ do grupo surcoreano Ateez.

A zona K-Pop contará de novo co apoio de WordPress.com, que renova a súa colaboración con Lérez Up por segundo ano consecutivo como patrocinador desta área. A alianza céntrase na creatividade e na creación de contidos, valores que están moi presentes na comunidade K-Pop, na que a fotografía, o vídeo, o deseño, as redes sociais e a identidade visual forman parte do traballo que realizan tanto os artistas como os fans.

Lérez Up volverá reunir o 12 e 13 de setembro no Recinto Feiral de Pontevedra a miles de persoas interesadas en videoxogos, cosplay, cultura xaponesa, K-Pop e outras formas de entretemento alternativo. As entradas para esta quinta edición xa están á venda e as inscricións para o concurso de K-Pop aínda están abertas.

Todos os detalles do programa, as bases do concurso, a venda de entradas e todas as últimas novidades pódense atopar en lerezup.es e nas redes sociais de Lérez Up (@lerez_up).

Está pasando!