II Xantar Popular de Soutomaior | Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior anima á veciñanza a participar no Xantar Popular da III Semana Grande

21 Xullo 2026

O encontro celebrarase o domingo 2 de agosto na Carballeira da Contorna da Igrexa de San Salvador e o prazo para reservar praza permanecerá aberto ata o 29 de xullo


O Concello de Soutomaior continúa quentando motores para a celebración da III Semana Grande e fai un chamamento á veciñanza para participar no Xantar Popular que terá lugar o vindeiro domingo 2 de agosto, na Carballeira da Contorna da Igrexa de San Salvador, unha das actividades centrais dunha programación pensada para reforzar a convivencia no Concello.

A cita reunirá centos de veciñas e veciños nunha xornada festiva na que non faltarán o ambiente, a gastronomía e as ganas de compartir mesa nun dos espazos máis emblemáticos da parroquia de San Salvador.

Para o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “o Xantar Popular representa á perfección o espírito da Semana Grande: un encontro aberto, participativo e pensado para que persoas de todas as idades compartan unha xornada inesquecible”. O rexedor destaca que “queremos seguir recuperando e fortalecendo eses espazos de convivencia que fan comunidade e que converten Soutomaior nun concello vivo, unido e orgulloso da súa xente”.

O alcalde anima á veciñanza a sumarse á iniciativa e subliña que “a mellor maneira de facer grande esta festa é participando. Agardamos que a Carballeira da Contorna da Igrexa de San Salvador volva encherse de familias, amizades, asociacións e persoas con ganas de celebrar xuntas un dos días máis especiais do verán”.

As reservas poderán realizarse ata o mércores 29 de xullo. As persoas particulares deberán efectuar un pagamento de 20 euros por persoa, indicando o nome e apelidos da persoa que realiza a reserva no concepto da transferencia ou Bizum.

Unha vez realizado o pagamento, os tickets poderán recollerse nas Oficinas Xerais do Concello, presentando o DNI ou unha copia da persoa titular da reserva.

As asociacións rexistradas no Concello tamén poderán tramitar conxuntamente as reservas das súas persoas asociadas, realizando un único ingreso polo importe total e recollendo posteriormente os tickets nas Oficinas Xerais.

O Concello lembra que será imprescindible presentar o ticket para acceder ao xantar.

Para máis información ou resolver dúbidas, a veciñanza pode contactar coas Oficinas Xerais do Concello no teléfono 986 705 106 ou coa concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, no 620 734 984.

Coa celebración deste Xantar Popular, o Concello de Soutomaior continúa apostando por unha Semana Grande que combina cultura, música, deporte, tradición e actividades para todas as idades, consolidándose como unha das grandes citas do verán no municipio.

Está pasando!