'Emocións en perigo' en Pontevedra

mér03mai(mai 3)00:00sáb08xul(xul 8)23:59'Emocións en perigo' en PontevedraFotografías de Tim Flach(maio 3) 00:00 - (xullo 8) 23:59 Café Moderno Afundación - Pontevedra

Detalles do Evento

A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, chega por primeira vez a España. Agora o Café Moderno de Pontevedra acolle ata o mes de xullo a mostra ‘Emocións en perigo’.

A través dunha selección de 45 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que con este proxecto trata de “conectar as persoas coa natureza” cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados, salientar a emoción.

TIM FLACH (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. “O noso futuro depende diso”, defende o fotógrafo.

Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).


‘En risco de extinción’

A exposición ‘Emocións en perigo’ reúne imaxes do proxecto de Flach Ameazados, que levou o fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. En lugar de enmarcalos no seu hábitat natural, Tim Flach optou por retratalos sobre fondos neutros, salientando a personalidade de cada especie e mostrando nalgúns casos actitudes e emocións que habitualmente asociamos aos seres humanos. «Tratei de tender unha ponte e convidar á igualdade creando retratos de animais cun estilo de representación xeralmente asociado cos humanos para salientar o seu carácter e personalidade», sostén Flach.

Na exposición, Tim Flach incorpora información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha ficha informativa elaborada pola maior organización ambiental de todo o mundo, a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). A información da UICN sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie segundo a lista vermella desta organización. Ademais do nome científico, e da zona xeográfica á que pertence cada animal, os retratos están acompañados dun texto explicativo sobre a súa especie.

“Fotografei algunhas das especies máis ameazadas da Terra para este proxecto ―explica Flach―, algunhas icónicas, outras menos coñecidas. Varias son recoñecidas en todo o mundo e é sorprendente atopar estes animais icónicos ao bordo da extinción, animais aínda representados con orgullo en películas e libros, como xoguetes de peluche na colección de animais salvaxes da habitación dun neno”.

Viaxando ao redor do mundo, a escenarios que van desde o bosque ata a sabana, os mares polares e os grandes arrecifes de coral, o fotógrafo construíu un poderoso rexistro visual de animais e ecosistemas en risco.

A exposición incorpora a tecnoloxía para ampliar a experiencia dos espectadores. Entre as posibilidades das novas experiencias para os espectadores, a exposición ofrece unha mesa de luz, que lle formula ao espectador algunhas preguntas sobre as especies que protagonizan a exposición, poñendo a proba o seu coñecemento sobre elas.

VISITA GUIADA

31 MAI | 19.00 h | Inscríbete AQUÍ

REALIDADE VIRTUAL

Por medio dun módulo de realidade virtual (RV), o visitante tamén poderá relacionarse cun animal xa extinto: o mamut. Con iso, Tim Flach convida o visitante a facer unha reflexión sobre a natureza e emite unha clara mensaxe de defensa da sostibilidade: coidar as especies que aínda poboan a terra evitará que nun futuro necesitemos utilizar a RV para ver un león, un oso panda ou un elefante.

Para facer máis accesible esta exposición e o seu contido ao colectivo escolar, deseñamos un amplo programa de actividades didácticas e talleres adaptadas ás diferentes idades.

DIDÁCTICA

• INFANTIL A 4° PRIMARIA | Visita conto con obradoiro | Acariñando a ferida da vida salvaxe
• 5° PRIMARIA A 2° ESO | Visita obradoiro | Un planeta que se extingue, que faremos entón os nenos e as nenas?
• BACHARELATO E CICLOS FORMATIVOS | Visita comentada | Emocións en perigo. Tim Flach

2 €/ ESCOLAR | Máis información e reservas en areaeducativavigo@afundacion.org ou no 986 129 032

Esta mostra encádrase no programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración con FESBAL. Convidámosvos a colaborar traendo alimentos non perecedoiros que se poden depositar no acceso ao edificio, e que serán destinados aos bancos de alimentos locais.

DATAS

Visitable do 3 de maio ao 8 de xullo de 2023.

HORARIO

  • LUNS a VENRES | 17.30 a 20.30 h
  • SÁBADOS | 11.00 a 14.00 e 17.30 a 20.30 h

Hora

Maio 3 (Mércores) 00:00 - Xullo 8 (Sábado) 23:59

Localización

Café Moderno Afundación

Praza de San Xosé, 3 36001 Pontevedra

Está pasando!