Obradoiros no Castelo de Soutomaior

mér07dec16:30mér23:50Obradoiros no Castelo de SoutomaiorNADAL 2022 NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA16:30 - 23:50 Castelo de Soutomaior - Soutomaior

Detalles do Evento

Para o Castelo de Soutomaior a Deputación de Pontevedra ten prevista unha completa axenda de actividades de Nadal que comezarán o 2 de decembro, ás 18.30 horas, co acendido do alumeado. Ademais das luces, terán lugar visitas teatralizadas dirixidas ás familias e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. A partir do venres, 25 de novembro, será posible inscribirse en ambas actividades, que terán un custo de 8 euros por persoa, a través de www.castelodesoutomaior.com.

As visitas teatralizadas, a cargo de Troula, terán lugar os días 3, 4, 6, 8, 10, 11, 17, 18, 23, 29 e 30 de decembro, ás 12:00 e 16.30 horas. Haberá 30 prazas por cada quenda. Nelas as familias deberán traballar arreo para axudar a recuperar o esplendor do Castelo onde o Nadal, dende que a Raíña de Corazóns o ten ocupado, non ten oco.

Os obradoiros, a cargo de Donde viven los cuentos, terán lugar os días 5, 7, 27 e 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro ás 16.30 horas, con 30 prazas por día. Esta actividade, dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos e cunha duración de 60 minutos, estará baseada nos seres mitolóxicos de Galicia, como as pupeiriñas, o Apalpador, a moura ou os trasnos.  O primeiro obradoiro terá lugar o 5 de decembro co título ‘As pupeiriñas, obradoiro de pan galego’, para elaborar pan tradicional galego e deixar migas na fonte para as pupeiriñas; o día 7 terá lugar ‘O tesouro da moura. Escape-Room de Nadal’, cun percorrido polo castelo cheo de probas que servirán para coñecer as tradicións galegas; o martes 27 ‘Os trasnos. Obradoiro de moda de Nadal’, para deseñar roupa para regalar aos trasnos e evitar que molesten durante as festas, e o mércores 28 de decembro ‘O Apalpador: contacontos solidarios’, con contos de Nadal, recollida de libros para doar e obradoiro artístico de decoración de agasallos. Xa en xaneiro terá lugar ‘O tizón de Nadal. Decoración de Nadal’ o día 3, para crear elementos decorativos con elementos naturais, e o 4 o obradoiro ‘O Nubeiro. Experimentos de inverno’ para fabricar neve e xogar con xeo, creando paisaxes de inverno.

Amais das visitas teatralizadas e dos obradoiros, haberá, ao igual que o pasado ano, un mercadiño de Nadal, con produtos de quilómetro cero, que estará aberto entre o 2 e o 8 de decembro, e un ‘Buzón de soños’ para recoller os desexos dos nenos e nenas, e tamén das e dos maiores, que terá tamén réplica, por vez primeira, no Castelo de Sobroso. Tamén abrirá as súas portas o muíño das Afreitas, para que todas e todos coñezan o seu funcionamento e desfruten da última moenda para facer os doces típicos do Nadal. O muíño contará coa presenza dunha ‘familia misteriosa’ que aledará a visita das familias.


Hora

(Mércores) 16:30 - 23:50

Localización

Castelo de Soutomaior

Rúa do Rial, s/n, 36691, Soutomaior

Está pasando!