Obras da exposición permanente do Museo de Pontevedra | © Museo de Pontevedra

This is a repeating event

Visita guiada á exposición permanente do Museo de Pontevedra

dom31mar12:00dom13:00Visita guiada á exposición permanente do Museo de PontevedraTodos os domingos ás 12:00 horas12:00 - 13:00 Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Na visita á colección exposta nos edificios Castelao e Sarmiento os domingos ás 12.00 horas, de unha hora de duración, faise unha pequena introdución ao Museo de Pontevedra e aos edificios que se van visitar.

A continuación realízase un percorrido centrado principalmente na arte galega, que se detén nalgunhas das pezas máis significativas da colección: o Tesouro de Caldas e os fondos arqueolóxicos; o Retablo de Belvís e a arte sacra; a Xeración Doente con mención especial a Jenaro Carrero e Ovidio Murguía; Sotomayor, Lloréns e a pintura rexionalista; e a obra e a figura de Castelao.


Obras da exposición permanente do Museo de Pontevedra | © Museo de Pontevedra

O MUSEO DE PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra é unha das institucións culturais máis recoñecidas de Galicia polo seu labor investigador e de promoción cultural, e pola relevancia e heteroxeneidade das obras que custodia: pintura, escultura, fotografía, mobiliario, cerámica, fondos arqueolóxicos, etnográficos, documentais e bibliográficos. Ademais, posúe a maior colección de obras de Castelao, figura clave da cultura e a política galegas.

O museo creouse en 1927 por iniciativa da Deputación de Pontevedra e abriu as súas portas dous anos despois. Conta con sete sedes distribuídas polo conxunto histórico de Pontevedra. Percorrelas permite coñecer o desenvolvemento da historia e a arquitectura locais, desde os restos medievais de San Domingos ata os fermosos pazos barrocos (actualmente en reforma) da praza da Leña, pasando polos inmobles da rúa Pasantería. O paseo continúa no antigo colexio xesuíta, unido por dúas pasarelas de cristal ao edificio contemporáneo ao que lle dá nome Castelao. O percorrido remata no convento de Santa Clara, un espléndido conxunto arquitectónico con máis de sete séculos de historia que se rehabilitará para acoller a sétima sede do museo.

A exposición permanente do museo pode visitarse actualmente nos edificios Castelao e Sarmiento. Na colección de arqueoloxía destacan, entre outras, as pezas de ourivería, que inclúen o maior tesouro de ouro da prehistoria en Europa. O percorrido pola arte galega comprende desde o século xiv ata principios do xxi, no que sobresaen o único retablo medieval pintado galego que chegou ata os nosos días, os relevos barrocos de José Gambino e José Ferreiro, as paisaxes románticas de Jenaro Pérez Villaamil, as e os pintores da xeración doente e os nomes que marcaron o devir artístico do século xx, coma Sotomayor, Arturo Souto, Maruja Mallo, Laxeiro, os membros do Grupo Atlántica… Dúas salas céntranse na obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sen o cal non se entende o pasado século en Galicia.

O museo dedícalle tamén salas á arte española dos séculos xix e xx, nas que atopamos obras de Sorolla, Ramón Casas, Dalí, Antonio Saura, Juana Francés… Conta, ademais, con salas dedicadas á arte da represión e o exilio, ao violinista Manuel Quiroga, á cerámica de Sargadelos, aos principais alfares españois dos séculos xvi-xviii e á arte e porcelana asiática-oriental.

A proposta do museo para as persoas que o visitan inclúe un completo calendario de exposicións temporais e un programa continuo de seminarios e conferencias, ademais de actividades para todo tipo de públicos: visitas guiadas, obradoiros, concertos…

O museo alberga tamén un importante arquivo de imaxes e documentos e unha gran biblioteca especializada. 

Hora

(Domingo) 12:00 - 13:00

Localización

Museo de Pontevedra

Está pasando!