Luis López na presentación de +Escénicas | © Deputación de Pontevedra

Luis López salienta que as case 300 compañías e máis dun cento de actuacións do +Escénicas redondean a aposta da Deputación de Pontevedra para espallar a cultura pola provincia

3 Outubro 2024

O presidente provincial, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, presenta diante de alcaldes e concelleiros de toda a provincia esta novidosa iniciativa, dotada con 175.000 euros, que impulsa a Deputación en colaboración co sector


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a colaboración entre o organismo provincial, o sector cultural e os concellos para espallar a cultura por todos os recunchos da provincia durante a presentación de +Escénicas, o primeiro circuíto de teatro e danza que promove a Deputación.

Acompañado por Jorge Cubela, deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, o mandatario provincial remarcou a posta a disposición dos concellos por primeira vez dun catálogo no que se integran 286 compañías de teatro e danza e que tivo un exitosa acollida ao ter aprobadas xa 105 actuacións en 51 concellos de menos de 20.000 habitantes na súa primeira edición. “Falar de +Escénicas é tamén falar de municipalismo e dun sector que contribúe co seu talento e traballo a construír unha provincia máis rica”, afirmou Luis López.


Presentación de +Escénicas | © Deputación de Pontevedra

Nun salón de plenos do Pazo provincial no que se deron cita alcaldes, concelleiros e representantes da maior parte dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para os que vai dirixido este programa; o presidente da Deputación explicou polo miúdo os detalles de +Escénicas. Trátase do primeiro circuíto de teatro e danza posto en marcha pola Deputación e dotado cun orzamento de 175.000 euros, dos que lle corresponde a cada concello un máximo de 3.400 euros para programar ata tres actuacións. Ademais, a Deputación financiará o 90 % do custo naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80 %, nos de están entre 5.000 e 10.000; e o 70 %, nos que teñen entre 10.000 e 20.000.

Son os gobernos locais os que escollen dun catálogo elaborado polo organismo provincial, que conta con 258 compañías de todas as disciplinas relacionadas co teatro e 28 de danza, as actuacións a programar nos seus auditorios ou centros culturais. Neste sentido, avanzou o presidente Luis López, que xa foron aprobadas todas as solicitudes recibidas e nos vindeiros días anunciaranse as datas e lugares onde se celebrarán as 105 actuacións que ofrecerá, entre outubro deste ano e marzo do ano 2025, a primeira edición do circuíto cultural +Escénicas.


Representación de Pedras de Cartón durante a presentación de +Escénicas | © Deputación de Pontevedra

Un dos puntos novidosos e máis destacados de +Escénicas está na confección dun catálogo integrado por compañías teatrais e de danza da provincia e do conxunto de Galicia, unha iniciativa que atende unha demanda histórica do sector. “Levabamos máis de 15 anos intentando sacar adiante o circuíto de artes escénicas da provincia e todas as nosas demandas están recollidas nas bases”, celebrou durante a presentación o actor Xoque Carbajal, creador da compañía Mala Sombra que está integrada no colectivo Escena Galega. “Despois de escoitarvos e entendervos, atendémosvos”, respondeu Luis López, quen fixo fincapé tamén na inclusión da división +Danza no programa para impulsar esta disciplina.

“Para nós a cultura é un dos eixos prioritarios de Goberno. O noso obxectivo é contribuír á programación cultural estable en todos os concellos da provincia favorecendo o acceso á cultura por parte de toda a nosa veciñanza”, declarou o deputado de Cultura Jorge Cubela para abrir un acto que comezou cunha representación teatral a cargo da compañía Pedras de Cartón e que rematou coa actuación de danza de Raquel Ferradás. Tamén interviu o xerente de Escena Galega, Diego Meizoso, para agradecer e valorar o labor das compañías e da Deputación para poñer en marcha +Escénicas.


Actuación de danza de Raquel Ferradás durante a presentación de +Escénicas | © Deputación de Pontevedra

“Tendemos pontes é o noso lema e +Escénicas é unha ponte tripla”, subliñou Luis López para poñer en valor o espírito colaborador e municipalista da Deputación. “A primeira é unha ponte coa cultura e os seus profesionais, aos que escoitamos e cos que traballamos para deseñar este circuíto. A segunda é unha ponte cos concellos, cos que colaboramos para que poidan contar cunha programación cultural de primeira. E a terceira é coa veciñanza, para brindarlle acceso a eventos culturais diversos e de calidade vivan onde vivan”, enumerou o dirixente provincial engadindo unha cuarta ponte “coa nosa lingua, pois todas as actuación que se realicen ao abeiro de +Escénicas serán en galego”.

Está pasando!