Pontevedra abre o prazo de recepción de propostas para a 28ª edición do programa de lecer Noites Abertas

30 Setembro 2026

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez presentou a convocatoria de presentación de proxectos para a que será a XXVIII edición de Noites Abertas. O prazo permanecerá aberto entre o 1 e o 31 de outubro no formulario do seu web noitesabertas.gal

O edil apuntou que, logo da recepción de propostas “durante o mes de novembro terá lugar a selección das propostas e entre o 1 de decembro e o 19 de febreiro, co Nadal polo medio, para que o departamento de Xuventude ordene o calendario, deseño e comunicación das actividades. Entre o 19 de febreiro e o 10 de abril, terá lugar a celebración as noites de venres e sábado, con descanso durante a Semana Santa”

Lembrou que “casa calquera que queira traballar no eido da xuventude pode presentar propostas: asociacións, cooperativas, empresas, persoas autónomas e profesionais deste eido. Sobre as propostas que poden presentar, poden ser de interior ou exterior, dunha ou dúas horas de duración, entre unha e catro sesións, para mocidade entre 12 e 30 anos ou para algún segmento dese rango de idade, que se desenvolvan entre as 20.00 e as 00.00h do venres e o sábado, e con calquera temática e calquera contido, diversas, inclusivas, accesíbeis e plurais, relacionadas coa promoción da igualdade, a cultura galega, a interculturalidade, co xogo, a gastronomía. Agardamos que nos sorprendan como cada ano.”

O edil salientou que o máis importante e pensar que “a rapazada non vai a Noites Abertas a ver películas, vai facer películas. É un lecer activo e formativo onde se vai facer cousas. Deben ser actividades lúdicas, construtivas e participativas”.

O proceso de selección das propostas recaerá na equipa de Xunventude que con 27 edicións ás costas, teñen experiencia contrastada para “escoller as de maior interese para a mocidade”.

Para calquera consulta sobre a presentación de proxectos ou para concertar unha cita previa, pódese acudir á Oficina Municipal de Xuventude (Casa da Luz – Praza da Verdura s/n, 1º andar, Pontevedra), chamar ao teléfono 986 100 185 (extensións 7491 e 7492), a través del correo electrónico noitesabertas@pontevedra.gal ou na conta @xuventude da Rede Social Instagram.

Está pasando!