© Isabel Perez Dobarro

Nace o ciclo ‘Mulleres e inspiración’ da man da colaboración coa Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Concello

10 Maio 2022

  • Logo de un ano de traballo e a labor de investigación de Judith Rey, vicepresidenta da OFCP, o proxecto contará entre o 1 e o 5 de xuño con dúas conferencias, unha masterclass e un concerto
  • O Salón de Actos do Pazo acollerá as conferencias con entrada libre. A Masterclass “Mulleres compositoras. Repertorio de piano” no CMUS Manuel Quiroga será de balde pero con inscrición previa en orquestra.ofcp@gmail entre hoxe e o 23 de maio
  • As entradas para o concerto do día 5 ás 19.30h no Auditorio do Pazo da Cultura – con 3 obras de estrea mundial – estarán á venda a partir de mañá martes 10 ás 12h. en Ataquilla.com a un prezo
    único de 5€

A concelleira de Cultura Carme Fouces, acompañada da vicepresidente da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra Judith Rey, presentaron onte un novo ciclo en torno ao papel da muller na música: ‘Mulleres e inspiración’ e o nome do proxecto que bota a andar logo dun ano de traballo marcado pola pandemia e da fonda labor de investigación levada a cabo por Judith Rey.

Fouces quixo salientar a implicación e bo traballo de Judith e de toda a OFPC, “unha entidade coa que levamos anos colaborando e sacando adiante proxetos tan exitosos como o Concerto de Aninovo e colaboracións tan destacadas como a que levaron a cabo no concerto de Jane Birkin onde a propia actriz quedou sorprendida da profesionalidade e bo facer da agrupación”.

“O que presentamos hoxe é un proxecto ambicioso e moi pulido, que agroma en parte grazas ao tecido cultural vivo e activo da cidade, coa OFCP como peza clave e busca facer xustiza respecto á muller na música clásica. Temos o deber de rescatar obras que de non ser feitas por mulleres serían referentes da composición ao longo dos séculos. Destacar a mulleres talentosas como Wilhelmine von Preussen, filla do Rey Federico I de Prusia ou Clara Wieck Schumann, filla dun afamado vendedor de pianos e muller de Robert Schumann, que serviu tamén como inspitación a Brahms. Directoras de orquestra, compositoras e solistas”.

Judith Rey Iglesias, vicepresidenta da Orquestra Filharmónica Cida de de Pontevedra e responsable do programa e a labor de investigación precisa para a creación do proxecto foi a encargada de debullar o programa que botará a andar o 1 de xuño coa conferencia “O papel da muller na música para rapaces e maiores” da man da propia Judith Rey, ás 20h. no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Tamén o día 1 terá a lugar á instalación á entrada do Pazo da Cultura da mostra “Mulleres compositoras galegas”.

O venres 3 de xuño a conferencia “A muller na música. Perspectiva histórica e situación actual”, tamén no Salón de Actos do Pazo ás 20 horas, correrá a cargo de Isabel Pérez Dobarro, concertista afincada en Nova Iorque e que mantivo unha importante traxectoria profesional con concertos en Estados Unidos, Rusia, Bélxica, Arxentina, Italia, Portugal e España.

Ambas conferencias terán entrada libre ata completar cabida.

O sábado 4 de xuño, desta volta no auditorio do Conservatorio Manuel Quiroga, terá lugar entre as 10:00 e as 13:00 horas, a Masterclass “Mulleres compositoras. Repertorio de piano” da man de Isabel Pérez Dobarro. Contará con 4 vacantes para alumnado activo e o restante como oínte ata completar cabida. Esta actividade, tamén de balde, si precisa de inscrición previa en orquestra.ofcp@gmail.com mediante este formulario.

O domingo 5 terá lugar ás 19.30h. no Auditorio do Pazo da Cultura o broche do ciclo: o concerto “Mulleres e inspiración” que contará entre outras con 3 obras de estrea mundial. Serán WoOmen de Mario Diz, sobre un tema de Brahms adicado a Clara Wieck Schuman, El último adiós de Julia Dopico Vale e Lonxe do lar queridiño de Carmen Díez con arranxos de Benxamín Otero.

A directora será Clàudia Dubé Oranías, directora da Orquestra de Barcelona formada en Huelva, Roma, Madrid, Asunción e Viena, co Director Internacional Gerardo Estrada Martínez como mentor. Fundadora e directora titular da Orquestra Sinfónica de Mataró dende o ano 2015 e da Opera Pocket Orchestra dende o ano 2021, estreando Il Trovatore de Giuseppe Verdi en Igualada.

A formación musical, íntegramente feminina contará con Isabel Pérez Dobarro como Piano Solista e Judith Ray Iglesias como Frauta Solista.

As entradas estarán á venda a un prezo único de 5 euros en Ataquilla.com a partir de mañá martes 10 ás 12:00 horas e de non esgotarse, unha hora antes do inicio do concerto na billeteira do Pazo.

Fouces pechou a rolda de prensa convidado a todo o mundo a gozar deste novo proxecto e avanzou que “non vai quedar aquí. Estamos xa a traballar na creación dunha web que recopile toda a investigación levada a cabo por Judith e que todo mundo teña acceso a esa información valerosa que pon ás claras que hai moito por sacar á luz. Isto é só o principio”.

Está pasando!