O Abraioscopio transformará a cidade de Pontevedra nun gran escenario para a maxia

10 Setembro 2026

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o mago Iago Barral presentaron a programación da terceira edición do evento, que se celebrará do 17 ao 20 de setembro


Pontevedra acollerá do 17 ao 20 de setembro a terceira edición do festival de maxia Abraioscopio, unha cita que transformará as rúas, os establecementos hostaleiros e diversos equipamentos públicos nun escenario aberto ao ilusionismo. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá a programación xunto ao mago e condutor do programa, Iago Barral.

O proxecto naceu coa vocación de sacar a maxia dos espazos culturais tradicionais para encontrarse coa cidadanía na súa vida cotiá. “Queremos que a maxia chegue a cada rincón da cidade e que todos os veciños e veciñas poidan gozar de propostas creativas no seu contorno cotián”, indicaba a concelleira.

Pola súa banda, o mago e director da programación, Iago Barral, subliñou que “este festival nace desde Pontevedra e para Pontevedra, froito do traballo de todo o ano e do compromiso co modelo de cidade. O noso obxectivo é que a veciñanza sinta esta cita como algo propio e que Pontevedra sexa un referente onde vivir a maxia de xeito continuo”.

O festival porá o broche final a catro días de maxia en Pontevedra coa Gala Máxica Abraioscopio que se celebrará o domingo, 20 de setembro, ás 19:00 horas, no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra.

Unha tarde de maxia, humor, circo, música en directo e moito abraio, con artistas premiados a nivel nacional e internacional reunidos no gran espectáculo do Festival de Maxia de Pontevedra.

A maxia visual, o humor, a música en directo e as artes circenses converxen nun espectáculo cheo de ritmo, sorpresa e marabilla. Esta gala conta con actuacións que garanten a risa, momentos de grande impacto visual e escenas deseñadas para deixar ao público sen palabras.

Baixo a dirección artística de Nazan L. Bamio, cada actuación forma parte dunha produción meticulosamente elaborada e dinámica, pensada para ser desfrutada de principio a fin. Máis que unha simple serie de trucos, a Gala Máxica do Abraioscopio ofrece un espectáculo espectacular onde se xuntan diferentes formas de asombro.

Un evento para desfrutar en familia, con amigos ou en parella; para aqueles que xa aman a maxia e para aqueles que queren redescubrir a sensación de que o imposible pode acontecer diante dos seus ollos.

As entradas para a Gala Máxica están á venta en Ataquilla.com

Está pasando!