Ortiga & Pili Pampín | © Arián Quinteiro

‘O galo (Remix)’: Ortiga e Pili Pampín, un novo xénero musical sen precedentes

19 Xaneiro 2023

Ortiga e Pili Pampín conquistaron os escenarios o pasado 2022 coa súa colaboración en ‘Eu chorar chorei’, un éxito que levou aos artistas para explorar novas propostas man a man. Así naceu ‘O galo remix’, un tema que, soando á Galicia popular, vai un paso máis aló e conquista a pista de baile a ritmo de electrónica de club. 



Ortiga e Pili Pampín levan case un ano rompendo esquemas. E isto é só o comezo. O artista, O Chicho do Funk, unha das mentes máis avanzadas e transversais da música contemporánea e Pili Pampín, unha das cantantes máis icónicas da música galega, demostraron unha capacidade insólita de retroalimentación entre sons que parecían afastados e que agora xa non poden entenderse por separado.

Capaces de converter en hit calquera verso do cancioneiro popular galego, conseguiron co seu ‘Eu chorar chorei’ conquistar ao gran público, que agora quere máis. E eles, que non son complicados, deixáronse lear. A cousa flúe. ‘O galo’ é un tema que Pili Pampín leva cantando máis de tres décadas pero que agora, en ‘O Galo (Remix)’, toma outra forma imposible de expresar con palabras: hai que escoitala.


– Fai clic na imaxe para ver o videoclip –

‘O Galo (Remix)’ recolle algunhas estrofas de temas icónicos do repertorio popular galego. Cancións de onte e de hoxe que traspasaron xeracións e xeracións pero que nunca se interpretaron así: sons techno e guaracha colombiana mesturados con música galega popular. Un mix de clásicos aderezados coa electrónica máis actual que ata día de hoxe non existira na escena musical.

Niso consiste o obxectivo deste dúo; en crear sons xenuínos, explorar os límites artísticos do proxecto e que a xente gozar ao escoitar e cantar os temas, tanto como eles ao darlles vida.

A publicación de ‘O Galo (Remix)’ vai moito máis alá da canción. O tema conta ademais cun videoclip -obra de Xaime Miranda e Antón Miranda- que resulta abafador e perfecto para ilustrar con imaxes ese universo propio. Botando man da IA para o desenvolvemento de toda a produción, no vídeo aparecen Ortiga e Pilí Pampín en diferentes formas; incluíndo referencias e numerosas chiscadelas ao anime dos 90 -Evangelion, Cowboy Bebop, Akira, e as máis directas e recurrentes: á intro de Doraemon, e á serie animada de Batman, tamén dos 90-. Resulta imposible non revisionar o contido do videoclip en bucle, unha e outra vez, pois tras reproducilo mil veces, nel séguense descubrindo detalles.


Ortiga & Pili Pampín | © Arián Quinteiro

E é que ‘O Galo (Remix)’ é só o principio. Ortiga e Pili Pampín levan un ano traballando no seu novo proxecto conxunto. O resultado non conta con precedentes, pois é unha proposta completa que supoñerá a consagración dun xénero musical tan innovador como único: o seu.

Está pasando!