Lloyd Kaufman | GFFF

O cineasta estadounidense Lloyd Kaufman abre a programación do Galician Freaky Film Festival

17 Setembro 2026

  • O Galician Freaky Film Festival inicia a súa décima edición cunha sesión dobre de inauguración con ‘The Fly’ e ‘The Toxic Avenger’, presentada polo director estadounidense Lloyd Kaufman.
  • O sábado e domingo os freaks máis novos poderán desfrutar das proxeccións e obradoiros do Pequefreak.
  • O festival internacional de cine fantástico de Vigo, Galician Freaky Film Festival, celébrase do 17 ao 26 de setembro e as entradas están á venda na web do festival.

O Galician Freaky Film Festival comeza hoxe a súa décima edición, que se desenvolverá ata o día 26 na Praza Elíptica de Vigo. O festival celebra unha década dedicada ao cine fantástico cunha programación que combina proxeccións, actividades para profesionais, propostas infantís, exposicións, feira e encontros con cineastas nacionais e internacionais.

Durante estes dez anos o GFFF medrou sen abandonar unha filosofía baseada na liberdade creativa, o apoio a propostas que se afastan dos circuítos máis convencionais e a diversión na sala de cine; proxectando desde curtas de serie B ata filmes presentes en festivais como Sitges ou mesmo nos Óscar.

Un dos nomes propios desta décima edición é Lloyd Kaufman, cineasta estadounidense, cofundador de Troma Entertainment e creador de ‘The Toxic Avenger’, que visitará Galicia por primeira vez para coñecer o Galician Freaky Film Festival. Kaufman leva máis de catro décadas dedicado ao cine independente e converteuse nun referente do humos absurdo, o sangue falso e as producións de baixo presuposto.

O público do GFFF poderá interactuar co cineasta de culto e coñecer de preto a súa traxectoria e a historia de Troma. Participará nos coloquios das súas películas, ‘The Toxic Avenger’, que presentará na gala de inauguración, e ‘Poultrygeist: Night of the Chicken Dead’, que protagonizará a Noite Troma; ademais de impartir unha masterclass e estar aberto a sinaturas e fotografías.

O outro protagonista da fin de semana é o Pequefreak, o festival para a rapazada que proxectará curtametraxes, ‘Desde dentro del laberinto’ e organiza dous obradoiros de efectos especiais con maquillaxe. As entradas por sesión e os abonos VIF (Very Important Freak) e VIPF (Very Important Pequefreak) están dispoñibles na web do festival.

INAUGURACIÓN: THE FLY + THE TOXIC AVENGER PRESENTADA POR LLOYD KAUFMAN

Xoves 17 | 19:00 h | Cines Tamberlick

A inauguración comezará con ‘The Fly’ (1986), de David Cronenberg, unha das referencias do body horror, e continuará con ‘The Toxic Avenger’ (1984), de Michael Herz e Lloyd Kaufman. A segunda película será presentada polo propio director do filme, o cineasta estadounidense Lloyd Kaufman, que asistirá á sesión na que será a súa primeira visita a Galicia e a Vigo.

MESA CADRADA: O FUTURO DO HUB AUDIOVISUAL DE VIGO

Venres 18 | 11:00 h | Apo’strophe.arte

Primeira actividade dirixida a profesionais e industria na que se abordarán os retos, oportunidades e perspectivas do sector audiovisual na cidade. Coa participación de David Regades, Uxía Caride, Pablo Fontenla e David Machado, e a moderación de Amaia Mauleón, responsable da Vigo Film Office.

ACTIVIDADES CON LLOYD KAUFMAN: MASTERCLASS, NOITE TROMA E MEET & GREET

Venres 18 | 16:30h | Cines Tamberlick – LLOYD KAUFMAN: CINE, TROMA, A VIDA E A BABA VERDE

O fundador de Troma Entertainment e creador de The Toxic Avenger repasará a súa traxectoria no cinema independente e a filosofía dunha produtora que leva máis de cinco décadas apostando por películas feitas á marxe das fórmulas convencionais. Kaufman estará tamén presente na Noite Troma.

Venres 18 | 22:30 h | Cines Tamberlick – PROXECCIÓN DE POULTRYGEIST: NIGHT OF THE CHICKEN DEAD (2006)

Unha comedia musical protagonizada por zombies que o New York Times definiu como “tan perfecta como pode selo unha película baseada nos praceres do vómito proxectil e a diarrea explosiva.”

Sábado 19 | 17:00h – LLOYD MEETS FREAKS. Encontro cos fans para fotografías e sinaturas

PEQUEFREAK: DÚAS XORNADAS PARA PÚBLICO INFANTIL

O pequefreak reunirá 24 curtametraxes procedentes de 21 países, ademais dun obradoiro de efectos especiais e a proxección especial de Dentro del laberinto. Os nenos e nenas decidirán as súas curtas favoritas a través do aplausómetro.

Sábado 19

  • 10:30 h – Obradoiro de Efectos Especiais (PRAZAS ESGOTADAS)
  • 12:30 h – Curtametraxes Todos os Pequefreaks, vol. 1
  • 16:30 h – Curtametraxes Pequefreaks +7, vol. 1

Domingo 20

  • 10:30 h – Obradoiro de Efectos Especiais (PRAZAS ESGOTADAS)
  • 12:30 h – Curtametraxes Todos os Pequefreaks, vol. 2
  • 16:30 h – Curtametraxes Pequefreaks +7, vol. 2
  • 17:30 h – ENTREGA DE PREMIOS + DENTRO DEL LABERINTO + CHARLA DESCUBRINDO OS SEGREDOS DO LABERINTO. Dirixida por Jim Henson, a cinta celebra o seu 40 aniversario. Está protagonizada por David Bowie e Jennifer Connelly e conta a historia de Sarah, unha adolescente que debe atravesar un misterioso labirinto para rescatar o seu irmán pequeno.

SELECCIÓN OFICIAL

A competición da décima edición comezará tamén nesta primeira fin de semana con tres sesións de curtametraxes da Selección Oficial:

  • Venres 18 | 18:30 h | Cines Tamberlick – HUMOR FREAK, VOL. 1
  • Venres 18 | 20:30 h | Cines Tamberlick – QUE CARALLO É ISTO?!, VOL. 1
  • Venres 19 | 19:00 h | Cines Tamberlick – CO CU TORCIDO

Estas primeiras sesións forman parte da competición central do festival, que reúne curtametraxes de diferentes países dentro de oito bloques e que optan aos primeios do xurado e do público.

X EDITION: CELEBRANDO UNHA DÉCADA DE FREAKISMO

O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis freaky do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. O festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia.

Ademais é o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A décima edición do festival celébrase do 17 ao 26 de setembro na Plaza Elíptica de Vigo.

O seu ambiente único fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. A recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.

Está pasando!