Presentación de Etiqueta Negra 2026 | Etiqueta Negra

Etiqueta Negra celebra dez anos de compromiso cos produtos de calidade elaborados en Galicia

29 Outubro 2026

A emblemática praza da Peregrina de Pontevedra foi o escenario da presentación da décima edición de Etiqueta Negra, a Feira do Gourmet Galego, nun acto público no que estiveron presentes representantes de institucións públicas e patrocinadores privados da feira.

O acto contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; do vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez Artime; e da concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro. Participaron tamén María Elena Suárez Sarmiento, directora territorial da Consellería do Mar en Vigo; Romina Fernández, directora de Turismo da Deputación de Pontevedra, José Manuel Asperez Montes, delegado de Turismo da Mancomunidade do Salnés; Anxo Soto García, secretario do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra; e José Martínez, responsable de Relacións Públicas de Hijos de Rivera.

A programación, da que xa se pode consultar un avance en etiquetanegragourmet.com, contará con grandes nomes da nosa gastronomía, entre eles os chefs con estrela Michelin Pepe Solla, Iñaki Bretal, Yayo Daporta e Luis Veira.

A zona expositiva contará cun cento de expositores, con novas propostas e unha ampla variedade de produtos: viños, queixos, conservas, doces, mel, embutidos, cervexas… No programa xeral, a feira contará cun extenso número de propostas, entre elas: showcookings, catas, degustacións e experiencias arredor do produto galego.

Como novidade, a zona gastro estará localizada no exterior, na explanada superior do recinto, e conectada co comedor (no interior) na parte superior do recinto feiral, dando unha panorámica da feira privilexiada.

Etiqueta Negra celebrarase os días 7, 8 e 9 de novembro e estará aberta o sábado e o domingo, de 11:00 a 21:00 horas, e o luns, de 11:00 a 16:00 horas.

O prezo da entrada é de 3 euros por día e o abono para os tres días por 5 euros.

Tres días para saborear Galicia, descubrir novos produtos e celebrar a excelencia da nosa gastronomía.

Está pasando!