Os GALP galegos organizan o ‘Seminario de Comunicación e Divulgación Científica’ para o vindeiro 27 de novembro

18 Novembro 2020

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia organizan o ‘Seminario de Comunicación e Divulgación Científica’ co obxectivo de afondar en cal é a situación da comunicación científica na nosa comunidade e en España.

O evento celebrarase o vindeiro 27 de novembro ás 10:00 horas a través do programa de videochamadas Zoom e durará unhas dúas horas e corenta e cinco minutos. Aquelas persoas interesadas en participar na xornada deberán confirmar a súa asistencia enviando un correo electrónico a info@redrema.eu e posteriormente poderán conectarse ao seminario a través do seguinte enlace: https://us02web.zoom.us/j/82310885499

Eduardo Rolland e Manuel Rey, xornalistas de GCiencia, serán os encargados de debullar o panorama da divulgación científica no noso país a través de cinco bloques. No primeiro presentarase o proxecto GCiencia e no segundo abordaranse as diferenzas entre información e divulgación científica. No terceiro punto explicarase cal é a situación dos medios de comunicación en Galicia para a ciencia e os museos (prensa, radio, televisión, dixitais) e no cuarto darase a coñecer a realidade dos medios de comunicación españois en cultura científica. O bloque cinco pechará o seminario e nel daranse algúns consellos para a práctica da comunicación, desde como organizar unha rolda de prensa, redactar unha nota de prensa, xestionar as redes sociais ata como xerar actualidade.

Rolland é fundador do portal GCiencia xunto ao xornalista Pablo López e ten traballado en medios galegos como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia. Tamén é escritor e director e guionista de diversas longametraxes. No ano 2004 recibe o Premio Galicia de Xornalismo Científico e en 2005 o Premio Nacional de Xornalismo Francisco Fernández del Riego. Pola súa banda, Rey forma parte da redacción de GCiencia desde o ano 2016 e conta co Máster en Márketing, Consultoría e Comunicación Política pola USC, ademais de ser escritor. Traballou durante seis anos en La Voz de Galicia e Radio Voz. Recibe o Premio Galicia de Xornalismo Científico no 2007 e vén de publicar recentemente o libro ‘O mal sen cura da Costa da Morte’, no que lle pon cara a un tipo de ataxia identificada no 2009 como SCA36.

O proxecto

Este seminario forma parte do proxecto de cooperación Pasaporte REMA S agrupado no plan Morada Atlántica. Os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal participan nesta iniciativa que está coordinada polo GALP Costa da Morte. A súa finalidade é difundir o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira atlántica a través dos diferentes espazos museísticos pertencentes á rede REMA, reforzando a oferta cultural, patrimonial e etnográfica.

Está pasando!