O Ateneo Santa Cecilia acolle ‘Emocións en lenzo’, a nova exposición de Ana Mónica Oliveira

25 Xuño 2026

O vindeiro venres 26 de xuño, ás 20:00 horas, a sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín acolle a inauguración de ‘Emocións en lenzo’, a nova exposición pictórica de Ana Mónica Oliveira.

A traxectoria da artista no mundo da pintura comezou formalmente en 2018, aínda que o seu interese por esta disciplina artística vén de moito tempo atrás. Desde sempre sentiu unha forte atracción pola arte e pola capacidade de expresión que ofrecen as cores e as formas; unha vocación que a levou a matricularse en clases particulares co obxectivo de desenvolver as súas habilidades e profundar nesta paixón.

Desde aquel momento, mantivo unha produción constante, explorando diversas técnicas e estilos. Con todo, a súa gran paixón é o retrato, un xénero que lle permite capturar a esencia, as emocións e a personalidade de cada suxeito.

Para a artista, a pintura segue sendo, a día de hoxe, unha fonte inesgotable de aprendizaxe, inspiración e crecemento persoal.

A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do local.

A exposición estará aberta ao público no Ateneo do 26 de xuño ao 10 de xullo. Poderase visitar de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:30 horas.

Está pasando!