A Festa do Mar de Vilaboa converterase esta fin de semana nun recoñecemento á xente do mar

11 Abril 2025

Dous restaurantes conxugarán tradición e innovación para sorprender aos comensais que se acheguen os días 12 e 13 de abril ao adro de San Adrián


O Concello de Vilaboa ultima xa o programa da IV Festa do Mar que se instalará de novo no adro de San Adrián de Cobres para amosar a fortaleza do sector local a través dun evento gastronómico que terá lugar esta fin de semana, os días 12 e 13 de abril para garantir a máxima calidade do mexillón, da ameixa e do choco.

Serán dous os restaurantes locais encargados das degustacións, elaboradas a partir do produto recollido para este evento pola Confraría de Vilaboa. A Garboa e A Casa de Rosa de Mazaroca poranse aos fogóns para preparar tapas e pratos en distintas elaboracións: en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira. A Festa presenta este ano un formato diferente para convidar aos asistentes a comer na carpa.

Os equipos de cociña de cada un dos locais de restauración ofertarán por tanto pratos tradicionais con innovacións culinarias capaces de sorprender. E farano en vivo, para que o público coñeza os detalles de cada elaboración.



“Esta Festa é unha homenaxe e un recoñecemento á xente do mar de Vilaboa a través da posta en valor duns produtos que debemos valorar, ao igual que o duro traballo das bateeiras e mariscadoras de Vilaboa”, explica Carmen Gallego, concelleira de Dinamización Económica, quen recoñece que o sector atravesa un momento con moitas dificultades.

Ostras e polbo completan a oferta gastronómica, cos stands de Tito de Arcade e Iván de Vilaboa, ambos coñecidos e apreciados restauradores que ofertarán os seus produtos este fin de semana no adro das festas de San Adrián. A pastelería Doceiras do Mar encargarase do toque doce, cunha gran variedade de sobremesas a precios populares e haberá stand cafetería da man do Bar Chancho. E xunto aos produtos do mar compartirán protagonismo e promoción os viños da IXP Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros e Ardán.

Os stands abrirán as súas portas o sábado ás 12 da mañá e unha hora despois terá lugar a inaguración oficial a cargo do alcalde, César Poza. A sesión vermú estará amenizada polo dúo Los Dinámicos e pola noite a parte musical estará da man da Charanga Os Encerellados.

O domingo as casetas volverán abrir ás 12 da mañá e desde esa hora os cativos terán inchables para xogar. A sesión vermú correrá a cargo da Charanga Os Jalácticos.


Está pasando!