A Asociación DOA Saúde Mental organiza en Moaña a I Andaina ‘Mente en Marcha’

13 Agosto 2026

O Concello de Moaña acollerá o vindeiro domingo 13 de setembro de 2026, ás 10:00 horas, a I Andaina ‘Mente en Marcha’, unha iniciativa que nace co obxectivo de promover a saúde mental, combater o estigma e fomentar a participación e a inclusión social a través dunha actividade aberta á cidadanía.

Este evento dará o pistoletazo de saída ó mes da saúde mental que irá dende o 10 de setembro (día mundial da prevención do suicidio) ao 10 de outubro (día mundial da saúde mental).

A andaina terá a súa saída no palco da Música de Moaña e percorrerá aproximadamente 6,5 quilómetros, nun percorrido pensado para poder desfrutar da actividade de maneira tranquila e compartida. A proposta pretende converter o exercicio físico e o encontro entre persoas nunha oportunidade para falar de saúde mental con naturalidade e lembrar a importancia de coidarnos, tanto física como emocionalmente.

A iniciativa está organizada por DOA Saúde Mental, en colaboración co Concello de Moaña, e busca implicar a toda a comunidade, facendo da andaina un espazo de encontro entre persoas con e sen problemas de saúde mental.

Ademais do propio percorrido, a xornada contará con diferentes elementos destinados a facer da actividade unha experiencia participativa e festiva, favorecendo a convivencia e a sensibilización arredor da saúde mental. Así pois, haberá sorteos de productos e experiencias, música en directo e avituallamento.

Desde a organización animan á veciñanza de Moaña e de toda a contorna a participar nesta primeira edición e a sumarse a unha actividade que pretende transmitir unha mensaxe sinxela: a saúde mental é cousa de todas e todos, e falar dela tamén é unha forma de coidarnos.

Está pasando!