Vilagarcía abre unha nova edición do Festaclown coa compañía colombiana Fundación Tchyminigagua

17 Agosto 2026

  • A “festa da risa” transformará durante seis días a vila nun gran escenario ao aire libre para celebrar o circo, o humor e as artes de rúa.
  • A programación arranca ás 19:30 horas cunha espectacular proposta da Fundación Tchyminigagua, que levará o seu Acrocircus polas rúas da cidade ata rematar na Praza de Galicia.

Despois dunha xornada dedicada á Festa da Auga, a compañía colombiana será a encargada de botar o primeiro balde de circo e dar saída a un festival que chega aos seus doce anos consolidado como unha das grandes citas do arte circense de rúa en Galicia e como un dos eventos culturais máis queridos do verán vilagarcián.

‘Acrocircus’ é o título dun espectáculo pensado para sorprender ao público desde o primeiro momento. A proposta da Fundación Tchyminigagua combina acrobacias, música, clown, zancos e teatro nun espectáculo de gran formato e forte impacto visual, no que a rúa se converte no escenario e o público forma parte da experiencia.

A Fundación Tchyminigagua é unha formación cunha importante traxectoria artística e social, e a súa presenza no festival conecta directamente coa vocación do Festaclown de entender a cultura como unha ferramenta para crear comunidade, favorecer a inclusión e defender o acceso á cultura para todas as persoas.

‘Acrocircus’ é unha comedia satírica que recrea a vida dun vello acróbata e narra a historia do teatro e o circo a través dos séculos. O protagonista é interrompido por un mozo músico e “activista” que relaciona esa historia coa inmigración, a desigualdade e as invasións violentas, insistindo co seu amor, a resiliencia, a liberdade, a dignidade e o non apoiar as guerras e impulsar a paz.

O espectáculo (teatro, acrobacia e circo) é interpretado por sete personaxes dunha cor que transitan por diferentes disciplinas como a actuación, o clown, os zancos convencionais e en patines, os malabares e a música en vivo, que fan de Acrocircus un espectáculo cheo de reflexión, sensibilidade, risa, fantasía e amor. Enerxía, colorido, zancos e zancos sobre patíns, música, coreografías…

Esta obra de Tchyminigagua tráenos imaxes de festa e entroido a través dunha nena que nos fai soñar con encantamentos fantásticos de alegría, paz e vida.

Tras a apertura deste luns, o festival desenvolverá ata o 22 de agosto unha programación que reunirá en Vilagarcía compañías e artistas procedentes de diferentes países e de distintos puntos do Estado, xunto cunha importante representación do talento galego. Co Festaclown, as rúas de Vilagarcía están chamadas a converterse nun escenario no que as gargalladas, unha vez máis, van caer a caldeiros!

Está pasando!