Depol animará a Festa do Mar de Combarro este venres 21 de agosto

17 Agosto 2026

Depol ofrecerá un concerto gratuíto o venres 21 de agosto, ás 23.30 horas, na Praza da Chousa, en Combarro, dentro da programación da Festa do Mar 2026.

O cantante e compositor consolidouse nos últimos anos como unha das grandes revelacións da música española grazas ao seu estilo persoal e a cancións que acumulan millóns de reproducións nas plataformas dixitais.

Entre os seus maiores éxitos figuran ‘Quién diría’, que supera os 66 millóns de reproducións e foi recoñecida con triplo disco de platino; ‘Qué bonita’, con máis de 42 millóns de escoitas e dobre disco de platino; e Ibiza, que tamén obtivo o dobre disco de platino tras superar os 38 millóns de reproducións en Spotify. Ademais, chegou ao número 1 da lista de LOS40 cos sinxelos ‘Ibiza’ e ‘Te confieso’ e suma máis de 1,2 millóns de oíntes mensuais en Spotify.

A programación musical contará tamén coa actuación de Café Quijano, prevista para o sábado 22 de agosto, completando dous dos principais concertos dunha edición que volverá reunir en Combarro miles de persoas.

FESTA DO MAR 2026

Do 20 ao 23 de agosto, Combarro volverá ser o epicentro da cultura mariñeira cunha nova edición da Festa do Mar, unha cita xa consolidada como referente da identidade mariñeira de Poio.

A programación estrutúrase en tres bloques na Praza da Chousa: o gastronómico, a carpa museo e as embarcacións tradicionais.

Con respecto ao gastronómico, inclúese a degustación de produtos do mar durante as sesións vermús con música en directo o venres, sábado e domingo (13.30 horas), cos concertos de La Mosca Valiente, 7 Motivos e Los Támega, respectivamente.

Na carpa museo, que estará aberta todos os días desde as 12.00 horas, poderanse visitar exposicións sobre a cultura mariñeira, entre as que se inclúen maquetas de barcos e outras pezas cedidas por veciños, fotografías antigas seleccionadas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo e do centro de formación A Eixola ou a exposición fotográfica sobre embarcacións tradicionais de Culturmar.

E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, que esta edición celebran a 30 edición da Xuntanza con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, para a que se estima que participen máis de trinta embarcacións.

A música tamén supón unha parte importante para a programación da Festa do Mar con espectáculos e concertos gratuítos para todos os públicos.

O espectáculo infantil dos Bolechas abrirá a programación, o xoves ás 19.00 horas, na Praza da Chousa. De seguido, ás 21.30 horas, Antonio Barros e Lys Pardo ofrecerán o concerto ‘Xuntos pola Música’, nunha velada que rematará coa actuación da Orquestra América (23.00 horas).

O venres, Orfeón Pontis Veteris e Abóbriga porán a música na Mostra da Canción Mariñeira que comezará ás 20.00 horas. Pola noite será o concerto do artista Depol, ás 23.30 horas e con entrada de balde. Antes e despois, o DJ local Arrow animará a Praza da Chousa.

O sábado pola tarde, ás 19.00 horas, o Mago Paco espertará a ilusión e a maxia entre o público familiar. Xa pola noite, será quenda de Café Quijano, que ofrecerá un concerto gratuíto na Praza da Chousa. Como na xornada anterior, outro DJ, Matrek, será o encargado de poñer música antes e despois do concerto.

Por último, o domingo pola tarde, ás 18.30 horas, actuará a agrupación folclórica Vides Novas, seguido do Pasarrúas de Máis Cantos e a Mostra da Canción Mariñeira, con Maravalladas e Adelaida. Pola noite, e antes dos fogos de artificio, actuará a orquestra Panorama City (22.00 horas).

Está pasando!