Andrea Bayer será a encargada de ler o pregón na Festa dos Maios de Pontevedra

27 Abril 2026

O vindeiro 1 de maio de 2026 a Praza da Ferraría acollerá unha nova edición da tradicional Festa e Concurso dos Maios, un evento organizado pola Concellaría de Festas co obxectivo de preservar o patrimonio cultural e fomentar o interese polas tradicións. A xornada festiva dará comezo a partir das 11:00 horas.

O certame arrancará co acto de “Benvida ao maio”. A persoa encargada de ler o pregón deste ano será a actriz e directora Andrea Bayer, recoñecida profesional cunha ampla traxectoria no mundo do teatro da man da compañía Baobab Teatro, onde dirixiu e interpretou espectáculos moi premiados e valorados polo público.

O concurso, cuxo prazo de inscrición permanece aberto ata o 30 de abril de 2026 a través da sede electrónica do Concello, conta este ano cun orzamento global de 6.250 euros destinados a premiar o traballo dos participantes. Cada maio admitido recibirá 150 euros pola súa participación. A maiores, entregaranse galardóns específicos nas modalidades de maio tradicional, cantigas, interpretación e coroa (con premios de 350, 300, 250 e 100 euros para os catro primeiros clasificados en cada categoría), así como un premio especial do xurado valorado en 300 euros.

As bases do concurso recollen que os maios participantes deben manter o rigor da tradición pontevedresa: terán forma cónica con medidas de entre 1,5 e 2 metros de altura, e estarán adornados unicamente con produtos tradicionais como fiúncho, pampillos, margaridas, laranxas, ovos e algunhas flores locais como calas ou camelias. Esta estética é precisamente a que protagoniza o cartel oficial da edición deste ano, no que se pode ver a estrutura interior de madeira dun maio rodeada de calas brancas, laranxas, ovos e ramas de fiúncho.

Finalmente, de cara a manter viva a tradición e ensinar as técnicas ás novas xeracións, o Concello tamén promoveu un obradoiro de maios que contou coa participación activa de Campañó, Tomeza, Xunqueira 1 e o colectivo A Pedreira.

Está pasando!