Presentación do Folk no Alobre 2026 | Concello de Vilagarcía de Arousa

O Folk no Alobre adianta a súa romaxe urbana a xullo para festexar o seu décimo aniversario

23 Xuño 2026

  • A festa da música tradicional e da cultura popular galegas adiántase a principios do verán co obxectivo de garantir as mellores condicións posibles para unha celebración que cada ano reúne a máis e máis xente nunha xornada familiar e de convivencia na que non faltan xogos, comida, baile e moitos concertos.
  • A cita é o domingo, 5 de xullo, no marco excepcional do xardín botánico Valdés Bermejo.

O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, participaron na presentación da nova edición do Folk no Alobre xunto ao representante de Pésdebarro, a asociación organizadora, Dani Abad, quen afirmou que, tras terse convertido xa nunha cita de referencia na programación cultural e tradicional de Vilagarcía, “agora somos o primeiro festival de verán do municipio”.

Abad explicou que, malia o que ten medrado nestas anos, a intención da asociaión non é chegar a ser un macrofestival ao uso. “O Folk no Alobre é unha festa feita desde aquí e para aquí. Que pon no centro o noso patrimonio material e inmaterial, o arqueolóxico e o histórico do Castro Alobre e do Parque Enrique Valdés Bermejo, pero tamén o patrimonio vivo que representan a lingua galega, a música tradicional, o baile, os oficios, a transmisión oral e a convivencia comunitaria”.

Partindo da idea de que a cultura non é só espectáculo, senón tamén unha ferramenta de normalización lingüística, de cohesión social e de construción de comunidade, Pesdebarro organiza unha nova edición dun festival interxeneracional “que pon en valor aquilo que nos fai diferentes: a nosa lingua, a nosa cultura e o patrimonio que nos rodea, e que nos fai sentir orgullosos do noso”, apuntou o voceiro do colectivo.

Tras dar os parabéns a Pesdebarro polo décimo aniversario do Folk no Alobre, o alcalde definiu a romaxe como “un dos eventos máis auténticos cos que contamos no municipio, que nos diferencia porque é puramente vilagarcián e do que estamos orgullosos, por iso xa está incluído na marca VGA 365, que acolle as actividades musicais e culturais máis importantes de Vilagarcía”. Varela felicitiou á asociaicón pola boa idea que tiveron hai dez anos lembrando que contou dende os inicios co “músculo do Concello”, que o financia e presta soporte loxístico.

Pola súa banda, Outón puxo énfase no evento “que se celebra nas xoias naturais e históricas que son o xardín botánico e o Castro de Alobre, o mellor marco para unha celebración familiar deste tipo”.

PROGRAMA

O programa abrirase, como de costume, co paseo que partirá ás 11:00 horas dende os Xardíns de Ravella. Acompañados de Xurxo Souto e o pasarrúas de Os Demos da Petaca, o grupo desprazarse ata o Castro de Alobre para facer unha visita guiada ao xacemento arqueolóxico, ademais do tradicional Ritual das Penas do Alobre.

Xa na zona do prado do parque Valdés Bermejo, ás 13:00 horas haberá unha sesión vermú amenizada por Brais das Hortas, e ás 14:00 horas dará comezo o Xantar Demorado, o almorzo comunitario no que familias e grupos de amigos compartirán mesa e viandas que poden levar eles mesmos da casa ou adquirir nos postos nos que, como en toda romaría que se prece, se venderá polbo á feira, churrasco, empanadas e tortilla.

A sobremesa acompañarase de xogos populares para todas as idades e, ás 16:00 horas, iniciarase o obradoiro de “Baile solto e agarrado para foliadas” que impartirán Manolo Cobas e Bea Díaz para todas as persoas que desexen participar.

FOLIADAS E CONCERTOS

Xa cos puntos collidos, os asistentes poderán poñer en práctica o aprendido, bailando ao son da música dos concertos que se sucederán a partir das 19:00 horas e nos que actuarán as Pandereteiras Pesdebarro e Os Demos da Petaca para dar paso á Foliada Asalto con Pesdelán.

A continuación será o concerto de Os Carunchos, e a romaxe rematará cunha Foliada Libre no Torreiro da Festa, un tempo no que o escenario desaparecerá para que todo o mundo, libremente, cante e baile.

ASOCIACIÓN CON CONCIENCIA CÍVICA

A celebración ten, ademais, un claro compoñente medioambiental e cívico, de aí que conte cun decálogo de boas prácticas no que se lembra que hai que deixar limpo o espazo da festa ao remate, se recomenda separar e depositar o lixo nos contedores específicos, así como desprazarse ata o lugar a pé ou en bici se se ten pensado consumir alcol, e mesmo se dan consellos preventivos se se leva cativada á festa.

Está pasando!