Presentación da III Media Martón Entre Rías | Concello de Sanxenxo

A Media Maratón Entre Rías O Grove & Sanxenxo chega á súa terceira edición con récord de participación

8 Maio 2026

  • Os Concellos do Grove e Sanxenxo organizan o domingo 17 de maio a Media Maratón Entre Rías que percorrerá parte das Rías Baixas, saíndo desde O Grove para chegar a Sanxenxo.
  • O percorrido está homologado pola RFEA.
  • O evento contará tamén cunha proba 10K para os máis rápidos e populares, alén de carreiras infantís de carácter gratuíto o sábado.
  • O 30% dos 3.000 rexistrados na proba proceden de fóra de Galicia.

Un total de 3.000 rexistrados, o 30% de fóra de Galicia, participarán nas dúas probas previstas da Media Maratón Entre Rías O Grove Sanxenxo para o 17 de maio. A Media Maratón sairá ás 10:00 horas da Praza do Corgo e a 10K da contorna da capela da Lanzada, ás 11.30 horas.

O xornalista Terio Carrera presentou no Gran Hotel de La Toja a III edición da proba, que contou coa presenza dos dous alcaldes, Telmo Martín e José Cacabelos, así como coa vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez e a delegada en Pontevedra da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, Blanca García Señoráns. Ao acto tamén acudiron os concelleiros de Deportes, Marcos Guisasola, e de Turismo, María López; patrocinadores da cita e representantes turísticos e de forzas de seguridade de ambos os municipios.

O representante da firma organizadora do evento Nokao, Serafín Martínez, explicou que o obxectivo é comezar a presentación da cita fóra de España para darlle unha proxección internacional. “Cremos que ten todos vos atractivos para atraer a corredores doutras partes do mundo”, dixo. O percorrido xa está homologado pola RFEA.

A cita contará con dous padriños, figuras de referencia no tríatlon, Dani Molina e Javi Gómez Noya, que darán unha charla coloquio o sábado 16, ás 20:00 horas, no Hotel Carlos I, con entrada libre. Durante a tarde, haberá carreiras infantís gratuítas no porto do Grove. Un día antes, ofrecerase un concerto do grupo Assia gratuíto na Praza do Mar, a partir das 22:00 horas.

O alcalde do Grove incidiu na “boa colaboración entre os dous concellos”, así “como na beleza da paisaxe durante ou percorrido”. O alcalde de Sanxenxo indicou que “deamos coa tecla cun evento fóra de tempada que en apenas tres anos xa está batendo marca de participación”. Na mesma liña, asegurou que “hai que seguir traballando e seguir mellorando”.

A entrega de dorsais poderá realizarse na Sala Nauta o venres pola tarde e o sábado, en horario de mañá e tarde ou o propio día no porto do Grove. A entrega dos dorsais 10k realizarase no Hotel Nuevo Lanzada.

Haberá servizos de autobús para os rexistrados en calquera das dúas probas. Os participantes da 21k poderán gravar a medalla en meta co nome e o tempo gratuitamente.

Está pasando!