As Bibliotecas Municipais de Redondela retoman as actividades do programa ‘Abril dos Libros’

21 Abril 2026

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Cultura, celebra en abril un programa de actividades para conmemorar o Mes do Libro. A pasada semana o público infantil gozou na Biblioteca Valle-Inclán dos ‘Contos animados’ de Expresión Producións.

A programación continúa mañá mércores en Chapela coa presentación do poemario ‘Letras’, obra da escritora redondelá María Ruíz Aparicio. A autora falará do seu libro co público nun acto na Biblioteca Xela Arias ás 20:00 horas.

O libro co que debuta, publicado pola editorial Talón de Aquiles, destaca pola súa sensibilidade e capacidade “para transformar o cotián en pura emoción literaria”. A través dun estilo depurado e directo, a autora convida a unha viaxe polas paisaxes da memoria, a identidade e o paso do tempo.

O xoves 23 de abril, coicidindo co Día do Libro, celebrarase na Biblioteca Valle Inclán a entrega dos Premios aos Mellores Lectores de 2025, distinguindo as categorías infantil e adulto tanto de Redondela como de Chapela. E o venres, día 24, pecharanse as actividades ás 18:30 horas co contacontos infantil ‘Na busca do tesouro’, de Expresión Producións, no Multiúsos da Xunqueira.

Xa no mes de xuño a Alameda Castelao acollerá a X Feira do Libro de Redondela, os días 11 ao 14, con interesantes descontos e actividades para todos os públicos.

Está pasando!