© M Clan

Campelo e A Seca acollerán a gran despedida do programa de Verán 2021 con actuacións de bandas e orquestras de gran prestixio e protagonismo de grupos locais

6 Setembro 2021

O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, deu a coñecer parte do tramo final da programación Verán en Poio 2021, que leva desenvolvéndose, cun gran éxito no que a participación e asistencia de público de xeito seguro se refire, nos diferentes eventos desenvoltos ao longo do presente verán. A Praza da Granxa de Campelo e a explanada da Seca serán o epicentro desta despedida, con protagonismo para bandas de renome, orquestras moi coñecidas e protagonismo para os grupos locais da vila.

Tal e como explica o concelleiro do Goberno local, esta fórmula serve para substituír a tradicional Festa da Ameixa. “Se ben de cara a 2022 confiamos en poder recuperar a esencia culinaria e o formato habitual desta emblemática cita, nesta ocasión debemos adaptarnos novamente ao contexto derivado da COVID-19, polo que descartamos o carácter gastronómico e degustacións e apostamos por unha iniciativa alternativa, na que a música será a gran protagonista”, indica Martínez Blanco. Deste xeito, bandas da talla de M-Clan e Doctor Queen actuarán en Campelo durante eses días. As entradas poñeranse a disposición da cidadanía na web woutick.es e serán de balde. Ademais, tamén haberá actuacións de diferentes grupos locais. Os detalles do programa daranse a coñecer nas vindeiras datas.

Unha semana máis tarde, os días 24 e 25, a explanada da Seca acollerá as actuacións das orquestras París de Noia e El Combo Dominicano. Deste xeito, a Concellería de Festexos mantén a súa aposta de axudar a impulsar a actividade dun dos sectores máis castigados pola crise derivada da pandemia da COVID-19. Neste sentido, Xosé Luís Martínez lembrou que xa o ano pasado estaban previstas actuacións similares, que tiveron que ser canceladas ante a evolución negativa da situación sanitaria. “Afortunadamente, grazas ao proceso de vacinación e á concienciación que existe entre a meirande parte da cidadanía, atopámonos nun contexto no que podemos ofrecer actuacións e propostas de lecer que sexan seguras e, ao mesmo tempo, axuden a dinamizar a actividade social e económica do concello”, sinala o concelleiro do BNG. A entrada para estas dúas actuacións será libre ata completar aforo.

Festas patronais

Por outra banda, Xosé Luís Martínez tamén amosou a súa satisfacción polo feito de que “pouco a pouco se poden ir recuperando as festas patronais nas nosas parroquias”. Este é o caso, por exemplo, das Festas das Dores de Samieira e da Saleta, en Raxó, que terán lugar ao longo deste mes de setembro. As primeiras serán os días 11 e 12 e incluirán, entre outras citas, un concerto a cargo da orquestra Marbella en Río de Bois. O concelleiro de Festexos lembra que a través deste departamento se achegan axudas directas para que as Comisións de Festas poidan asumir este tipo de eventos.

Está pasando!