Presentación da progamación do 25N | Concello de Ribadumia

‘Nin unha máis, nin unha menos’: a reivindicación do 25N bota a andar en Ribadumia

9 Novembro 2026

A programación inclúe propostas culturais, unha charla sobre agresións sexuais e a lectura do manifesto institucional o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


O programa organizado polo Concello de Ribadumia, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, comezou onte coa proxección da película ‘Bodegón con fantasmas’ no Auditorio de Ribadumia, dentro do IX Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais.

As actividades continuarán o mércores 18 de novembro, coa presentación da campaña do CIM sobre o 25N na sala Pitusa Cabanillas, en Cambados. Xa o domingo 22 de novembro, o Auditorio acollerá ás 19:00 horas o monólogo ‘Enredada’, da artista Leti da Taberna.

Pola súa banda, o martes 24 de novembro celebrarase no CPI Julia Becerra Malvar unha charla sobre agresións sexuais, organizada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e dirixida ao alumnado de 4º da ESO.

A programación culminará o propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, coa lectura do manifesto institucional na praza do Concello, ás 12:00 horas.

A presentación tivo lugar o pasado 3 de novembro, no salón de plenos do Concello de Ribadumia, coa presenza do alcalde e dos concelleiros do goberno local. Durante o acto tamén se colocou o lazo negro no balcón da Casa do Concello, como símbolo de lembranza das vítimas e de rexeitamento da violencia contra as mulleres.

Con esta programación, o Concello de Ribadumia súmase á conmemoración do 25N, reafirmando o seu rexeitamento a calquera forma de violencia e lembrando a importancia de seguir traballando na súa prevención.

As actividades previstas buscan achegar a reflexión e a sensibilización a distintos públicos, así como poñer en valor a educación en igualdade, o respecto e a convivencia como ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia.

Está pasando!