‘O Corno’ | Amador Lorenzo

Carlota Pereda, Elena Martín Gimeno, Jaione Camborda e Ainhoa Rodríguez, catro directoras dispostas a romper o canon nas previas dos Feroz

27 Outubro 2026

Os Premios organizan actividades con carácter reivindicativo no mes do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o 25 de novembro


Por terceiro ano, os Premios Feroz e o Concello de Pontevedra programaron en novembro actividades con marcado carácter feminista, dado que o 25 é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada para denunciar o maltrato e as agresións que se exercen sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas e accións para a súa erradicación.

As proxeccións e coloquios deste mes compoñen o ciclo ‘Rompendo o canon’, películas creadas por mulleres que acaban cos estereotipos da “vítima perfecta”, a “boa nai” ou a “muller complacente” a través do thriller, o terror ou o esperpento. Algo que tamén cumpre ‘Cardo’, a última convocatoria do ‘Maratón de series’ de outubro: sábado 31 ás 18:00 – Coloquio coas súas creadoras, Ana Rujas e Claudia Costafreda, moderado pola escritora e xornalista Raquel Piñeiro.

As directoras (e guionistas) Carlota Pereda, Elena Martín Gimeno, Jaione Camborda e Ainhoa Rodríguez achegaranse a Pontevedra os días 6, 9, 20 e 23 de novembro para compartir co público os seus traballos e ofrecer as claves das súas creacións: que as impulsou a escribir e contar estas historias fóra da norma e cunha linguaxe afastada do drama convencional.

O venres 6 de novembro será a proxección de ‘Cerdita’ e o coloquio posterior con Carlota Pereda (que moderará Paula Cons, xornalista e cineasta). Nesta película Pereda subverte por completo o clixé cinematográfico da ‘final girl’ e da vítima estilizada do xénero ‘slasher’.

Aquí a protagonista (Laura Galán) é unha adolescente con sobrepeso atrapada no acoso escolar e móvese entre o medo e o impulso dunha vinganza sanguenta.

Elena Martín Gimeno visitará Pontevedra o luns 9 para falar de ‘Creatura’ xunto á xornalista Belén López. Nesta longametraxe Martín lánzase a explorar un gran tabú: a represión do desexo sexual feminino e a vergoña corporal desde a infancia. A protagonista está chea de frustracións, bloqueos e rabia, e destroza o estereotipo da muller “pura” ou dócil.

‘Creatura’ foi a Mellor película europea da Quincena de realizadores do Festival de Cannes 2023 e estivo nomeada a tres Premios Feroz nesa temporada —Elena Martín en mellor dirección e en mellor guión xunto a Clara Roquet, e Oriol Pla como actor de reparto—.

O 20 de novembro, venres, será Jaione Camborda e o seu ‘O corno’, acompañada da xornalista Teresa Cuíñas: unha película directa e honesta, sen maniqueísmos, que se converte nun sutil alegato a favor do dereito da muller a decidir sobre o seu propio corpo.

Unha conmovedora historia de supervivencia que logrou a Concha de Ouro no Festival de San Sebastián 2023 e foi nomeada ao Feroz Arrebato de ficción (Premio Especial) e ao mellor cartel.

Para rematar o ciclo por todo o alto, estará en Pontevedra Ainhoa Rodríguez coa proxección de ‘Destello Bravío’ e coloquio posterior xunto a María Hermida, xornalista, o luns 23 de novembro. Rodríguez rebenta o estereotipo da muller madura, dócil, invisible e asexual do ámbito rural.

Cun reparto formado por mulleres reais dun pobo estremeño, a película móstranos a protagonistas que están fartas da apatía e de servir aos seus maridos. Lonxe da complacencia, a película explora as súas fantasías, o seu lado escuro e os seus desexos sexuais reprimidos dunha forma case magnética e perturbadora. É unha rebelión íntima e silenciosa contra o papel de “esposa abnegada” ou “avoa entrañábel”.

ENTRADAS

As proxeccións do ciclo ‘Rompendo o canon’ serán ás 19:00 horas na Facultade de Comunicación. As entradas a todas as sesións son gratuítas previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes de cada actividade e ata completar a capacidade.

Máximo 2 entradas por persoa. Para quen non poida achegarse á oficina de Turismo, o Concello pon a disposición do público un formulario de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.

CONVERSANDO SOBRE DESEÑO DE VESTIARIO CON CLARA BILBAO

O luns 16 de novembro visitará Pontevedra Clara Bilbao, gañadora de tres Goyas e cunha traxectoria de máis de 30 anos contando historias e levantando personaxes desde o deseño de vestiario. Impartirá unha clase maxistral sobre o oficio de figurinista programada coa colaboración de Debut, a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda que se imparte en Pontevedra (Universidade de Vigo). Moderará Lola Dopico, coordinadora de dito máster.

Clara Bilbao é deseñadora de vestiario de cine e series, gañadora do Goya ao Mellor deseño de vestiario por ‘La sombra de la ley’, ‘Nadie quiere la noche’ e ‘Blackthorn: Sin destino’. En 2024 dirixiu a longametraxe ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’, protagonizada por Carmen Machi, Antonio de la Torre, Julián Villagrán e Luis Tosar.

Formouse no Centro Superior de Deseño de Moda da Universidade Politécnica de Madrid, onde se especializou en Deseño de vestiario escénico. Empezou a traballar no audiovisual a mediados dos ‘90 e as súas primeiras películas á fronte do departamento de vestiario foron ‘Quince’, ‘La distancia’ e ‘Planes para mañana’. En canto ás series, foi figurinista de ‘La zona’, ‘Patria’, ‘Los favoritos de Midas’ e ‘La Fortuna’.

Está pasando!