Presentación do Samaín de Redondela 2026 | Concello de Redondela

Redondela prepara un Samaín de medo cun amplo programa de actividades para todos os públicos

27 Outubro 2026

  • O Concello de Redondela prepara para o 31 de outubro un amplo programa de actividades de balde para todos os públicos con obradoiros de cabazas, maquillaxes terroríficas, un túnel do terror e o pasarrúas “Subumbra” de Troula Animación.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que será unha xornada de festa con actividades para a infancia, mocidade e adultos.
  • A programación repártese en tres localizacións: os Multiúsos de Chapela e Redondela, o paseo do Pexegueiro e un espectáculo itinerante polo centro da vila.

Redondela celebra o sábado 31 de outubro, véspera de Defuntos, a festa do Samaín. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, foron as encargadas de presentar a programación no paseo do Pexegueiro, xunto ao IES Mendiño, onde comezará o túnel do terror.

Rivas explicou que a programación organizada polo Concello de Redondela “está pensada para todos os públicos e haberá actividades en diferentes localizacións como o Multiúsos de Chapela, o Multiúsos da Xunqueira, o paseo do Pexegueiro e as rúas do centro da vila”. Ademais, todas as actividades son de balde.

Os máis pequenos poderán gozar tanto en Redondela como en Chapela dos obradoiros ‘Fai a túa cabaza’ e ‘Maquillaxe e tatuaxes de terror’. Os talleres serán nos Multiúsos da Xunqueira e o do Piñeiral do Crego de 17:00 a 20:00 horas.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, explica que nenos e nenas “poderán deixar voar a súa imaxinación e crear as súas propias cabazas de Samaín para levar a casa como un recordo desta noite tan especial”. Nos talleres de maquillaxe transformarse coa axuda de maquilladores expertos, que lles darán trucos e técnicas para un resultado “aterrador”.

O paseo do río Pexegueiro volverá transformarse nun Túnel do Terror desde as 18:30 até as 21:30 horas. Os máis atrevidos poderán experimentar un mundo de misterio, suspense “e moitos sustos”. Haberá sorpresas ao longo da ruta con personaxes e criaturas misteriosas. A organización advirte que é unha experiencia “intensa” para público a partir dos 12 anos. No caso de menores deben ir acompañados dun adulto. Aconséllase acudir cunha lanterna.

As rúas do centro da vila transformaranse nun gran escenario para acoller o espectáculo itinerante ‘Subumbra’, da recoñecida compañía Troula Animación. Criaturas e personaxes saídos da máis profunda escuridade dos tempos desfilarán pola vila nun formato visual impactante. A pirotecnia, a música e a maxia do pasarrúas farán vivir ao público sensacións “terroríficas”. A asombrosa comitiva partirá da Praza de Ribadavia ás 19:30 horas.

Como actividade previa, o xoves 29 de outubro ás 18.30 horas da man de Noela e o Trío Laredo (Celeste, Sofía e Will), a Biblioteca Xela Arias de Chapela acollerá unha sesión de ‘Contos da veciñanza’, deseñada especialmente para esta celebración. A entrada é de balde.

Como incentivo especial para dinamizar o comercio da vila, baixo a iniciativa ‘Vive o Samaín’, os establecementos comerciais convidarán a caramelos ás crianzas, por cortesía do Concello de Redondela.

Está pasando!