Vigo pechará o percorrido da exposición ‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’

23 Outubro 2026

  • A mostra chegará o luns 26 de outubro ao Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, onde ás 12:00 horas terá lugar unha rolda de prensa e a inauguración oficial.
  • A exposición permanecerá aberta ata o venres 30, día no que se celebrará o acto de clausura e balance do proxecto cun faladoiro con varias das mulleres premiadas.

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) chega a Vigo, última parada do percorrido da exposición ‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’, unha iniciativa itinerante que durante os últimos meses percorreu diferentes concellos da provincia vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa.

A chegada a Vigo supón un momento especialmente significativo para o proxecto, xa que permitirá pechar o percorrido da exposición nun espazo institucional e facer balance dun proceso que levou os referentes femininos a diferentes puntos da provincia.

O luns 26 de outubro, ás 12:00 horas, terá lugar no vestíbulo do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo unha rolda de prensa e a inauguración oficial da exposición, que permanecerá instalada neste mesmo espazo ata o venres 30.

A mostra está formada por sete paneis. O primeiro presenta e contextualiza o proxecto; cinco están dedicados ás edicións dos Premios Mulleres FEMUPO de 2022 a 2026; e un último panel incorpora códigos QR que permiten acceder a vídeos e outros contidos dixitais relacionados coas premiadas.

A exposición recolle traxectorias de mulleres, colectivos e entidades recoñecidas en ámbitos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración e o asociacionismo, coa intención de achegar á cidadanía referentes reais e próximos.

‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’ non é só unha exposición. O proxecto foi concibido como unha experiencia cultural, educativa e social itinerante que conecta igualdade, territorio, participación e valores do Camiño de Santiago.

Ao longo do seu percorrido desenvolvéronse tamén obradoiros, actividades participativas e accións educativas destinadas a reflexionar sobre o significado de ser referente, a igualdade de oportunidades e o papel que xogan as mulleres na construción das comunidades.

Unha das dinámicas máis representativas do proxecto foi ‘As mulleres que fan o noso Camiño’, coa que as persoas participantes puideron identificar mulleres referentes das súas propias vidas e contribuír á creación dun mural colectivo.

A parada de Vigo permitirá mostrar nun único espazo todo este percorrido e poñer en valor o principal obxectivo do proxecto: “Poñer ás mulleres referentes no foco é un gran paso. Queremos que as súas historias sexan coñecidas, que sirvan de inspiración e que axuden a ampliar os horizontes das novas xeracións.”

Desde 2022, os Premios Mulleres FEMUPO recoñecen mulleres, entidades e colectivos que destacan polo seu talento, compromiso, esforzo e capacidade para abrir camiño.

A exposición permite facer un percorrido por cinco edicións destes premios e coñecer historias vinculadas á música, ao deporte, á empresa, ao medio rural, ao asociacionismo ou aos servizos públicos de atención ás mulleres.

O obxectivo é que cada historia funcione como un exemplo próximo e comprensible de que existen moitos camiños posibles e de que os referentes femininos son fundamentais para construír unha sociedade máis igualitaria.

A semana culminará o venres 30 de outubro ás 11:30 horas, cun acto de clausura e balance do proxecto.

Durante a xornada farase unha valoración dos principais resultados de ‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’ e celebrarase un faladoiro con varias mulleres premiadas nos Premios Mulleres FEMUPO, que compartirán as súas experiencias persoais e profesionais, os retos atopados ao longo das súas traxectorias e o significado de converterse en referentes para outras persoas. Este encontro permitirá pechar o proxecto precisamente dando voz ás mulleres que constitúen a súa esencia.

PROGRAMACIÓN EN VIGO

Luns 26 de outubro · 12:00 h. Rolda de prensa e inauguración oficial da exposición. Vestíbulo do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo

Do 26 ao 30 de outubro. Exposición ‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’

Venres 30 de outubro · 11:30 h. Acto de clausura e balance do proxecto. Faladoiro con mulleres premiadas nos Premios Mulleres FEMUPO

‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’ está impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.

Está pasando!