Os grupos Caldo e Abril levan o folk ao Pazo da Cultura de Pontevedra no ciclo ‘Música para reCrear’

26 Outubro 2026

Os dous concertos terán lugar respectivamente ás 20.30 horas do 29 de outubro e 12 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura con entrada libre ata completar cabida.


A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo ‘Música para reCREAr’, que a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración.

Esta programación botará a andar o vindeiro xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.

En ambos casos, trátanse de actuacións con entrada de balde e apertura de portas ás 20.00 horas, que enmarcan na nova edición dun ciclo protagonizado por grupos emerxentes e pola música feita en Galicia.

‘Música para reCREAr’ insírese no obxectivo da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra de desenvolver unha programación aberta a toda a cidadanía e de dar visibilidade ao papel que xoga a cultura no proxecto de especialización Campus Crea.

DÚAS BANDAS RECOÑECIDAS NOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX

O primeiro destes concertos terá como protagonista o trío que integran Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas, que valéndose de voz, violín e guitarra “achegan unha nova dimensión á música tradición oral galega, xerando contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos”, segundo recolle o seu texto de presentación.

Tras presentar en 2019 o seu disco homónimo, gravado ao vivo, a proposta sonora de Caldo era recoñecida en 2020 nos Premios Martín Códax da Música, na categoría de música folk, así como co Premio Fran Pérez ‘Narf’. Xa en 2023, a formación estreaba o seu segundo álbum, Lugar A Ponte, unha proposta “íntima, moderna e potente”, sinalan, “coa que consolidan a súa sonoridade, engadindo novas texturas e atmosferas aos seus instrumentos”, facendo de Caldo “unha das bandas imprescindibles para entender a renovación e a posta en valor da música tradicional galega”.

O 12 de novembro, chegará a quenda de coñecer o proxecto musical que impulsan Claudia Abril, á voz e pandeireta, e Marina Carpente, ao violín. Presentada como “unha das propostas emerxentes máis destacadas do folk contemporáneo”, o dúo Abril presentaba neste 2026 o seu primeiro disco, ‘Medrar’, co que foron recoñecidas co Premio Martín Códax ao mellor proxecto folk. “Abril é tradición renovada, sons de raíz en harmonía co presente”, sinala o texto de presentación desta formación.

Está pasando!