‘Javiota’ | José Suárez

O Paseo de Odriozola acolle unha exposición itinerante sobre José Suárez, o fotógrafo galego máis internacional

21 Outubro 2026

O Paseo de Odriozola acolle desde este martes unha exposición itinerante sobre o artista galego, que este ano é protagonista do ‘Día das Artes Galegas’ da man da Real Academia Galega de Belas Artes


A Real Academia Galega de Belas Artes acordou celebrar o Día das Artes Galegas 2026 dedicándollo a José Suárez, o fotógrafo galego máis internacional. Nado en Allariz en 1902, cunha traxectoria marcada pola vangarda artística e polo exilio, estaba dotado dunha sólida formación intelectual e dun pensamento liberal.

Relacionouse con figuras destacadas da cultura española como Unamuno, Blanco Amor, Seoane ou Alberti, así como da internacional como Akira Kurosawa.

A súa obra fotográfica, influída pola Nova Obxectividade, caracterízase por unha mirada moderna, reflexiva e centrada na figura humana, afastada do folclorismo e próxima ás correntes europeas máis innovadoras. A súa figura, complexa e sensible, consolidouse como unha das máis relevantes da fotografía galega e como un referente artístico de dimensión internacional.

O Concello de Pontevedra figura como unha das paradas chaves da exposición itinerante que forma parte dos actos de celebración en homenaxe ao artista. É unha mostra para espazos públicos ao aire libre, poñendo de relevo a obra do creador alaricano.

Desde este martes, 20 de outubro, e ata o venres 20 de novembro, o Paseo de Odriozola, ao carón da Praza de Farrería, servirá de espazo único para amosar a fermosa obra de Suárez, resumida a través de 16 paneis organizados en 4 estruturas metálicas de 140 x 210 cm. nos que se inclúen textos e Luís Seoane, Blanco Amor, Manuel Sendón, Xose Luis Suárez Canal, Domingo Garcia Sabell, Miguel De Unamuno, Jose Bergamín, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio Lopez Mondejar, Carlos Casares ou Lois Tobío.

A mostra itinerante, comisariada polo académico Xurxo Lobato, xa pasou por Lugo, A Coruña, A Guarda, Vigo e Ribeira.

Está pasando!