Presentación do III Foro de Memoria Histórica de Soutomaior | Concello de Soutomaior

Soutomaior revive o legado de Alexandre Bóveda no seu III Foro de Memoria Histórica

26 Outubro 2026

O encontro, baixo o lema ‘Recuperar para construír’, celebrarase os días 7 e 8 de novembro cunha programación que combina divulgación histórica, debate, participación cidadá e cultura


O Concello de Soutomaior presentou o III Foro de Memoria Histórica, que se celebrará os días 7 e 8 de novembro baixo o lema ‘Recuperar para construír’. A iniciativa busca afondar no legado político, económico e pedagóxico de Alexandre Bóveda e abrir un espazo de reflexión colectiva sobre a memoria democrática de Galicia e a súa vixencia na sociedade actual.

Na presentación participaron o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo; a concelleira de Memoria Histórica, Silvia Cernadas; a presidenta de honra da entidade, Amalia Bóveda e o secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez-Rey.

O foro reivindica tamén un fito da historia democrática do municipio: Soutomaior foi o primeiro concello de Galicia en dedicarlle unha rúa a Alexandre Bóveda, en 1979, nun acto de valentía e compromiso coa recuperación da memoria do galeguista.

O alcalde, Manu Lourenzo, destacou a importancia de manter viva a memoria de figuras como Bóveda e de achegar o seu pensamento ás novas xeracións. «A memoria histórica non pode quedar nun exercicio de lembranza do pasado. Temos que coñecer o que aconteceu, recoñecer as persoas que sufriron a represión e comprender que os valores polos que loitou Alexandre Bóveda seguen tendo plena vixencia», sinalou.

Lourenzo subliñou, ademais, o compromiso do Concello coa divulgación da historia recente de Galicia e coa creación de espazos públicos de encontro e debate. «Soutomaior ten unha vinculación especial con Alexandre Bóveda e queremos que esa relación se traduza nunha memoria viva, que nos axude a comprender o presente e a construír o futuro desde a xustiza, a liberdade e a identidade galega», engadiu.

Pola súa banda, a concelleira de Memoria Histórica, Silvia Cernadas, incidiu no carácter participativo e innovador da programación. «Queremos ir máis alá dos formatos habituais e ofrecer actividades que permitan achegarse á memoria histórica desde diferentes perspectivas, combinando o rigor histórico co diálogo, a participación e a cultura», explicou.

Cernadas destacou tamén a importancia de conectar o legado de Bóveda cos desafíos actuais, desde o autogoberno e a soberanía sobre os recursos ata a situación da lingua galega e o recoñecemento das vítimas da ditadura. «Recuperar a memoria significa tamén preguntarnos que aprendemos dela e que responsabilidades temos hoxe como sociedade», apuntou.

DOUS DÍAS DE MEMORIA, DEBATE E CULTURA

A programación comezará o sábado 7 de novembro cunha visita guiada á illa de San Simón e San Antón, baixo o título ‘Lugares de Memoria’, conducida por Soledad Chayán. A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 13.00 horas, con saída en barco desde Meirande, en Redondela. Está dirixida ao público xeral a partir dos 12 anos, é gratuíta e conta con 40 prazas, con inscrición previa en liña entre o 26 de outubro e o 4 de novembro.

Pola tarde, ás 19.00 horas, o auditorio do Multiúsos de Arcade acollerá a mesa redonda ‘O cerebro esmagado’, unha proposta que empregará un xogo da oca xigante como ferramenta para abordar o legado político, económico e pedagóxico de Bóveda e a represión de 1936.

O encontro estará moderado pola xornalista María Obelleiro e contará coa participación de Aldara Cidrás Fuentes, doutora en Historia e membro de Histagra-USC; Carlos Babio Urkidi, investigador e presidente da CRMH da Coruña; Noemí Moreira Cousido, directora do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda; David Otero Fernández, mestre, poeta e activista cultural galeguista, e Guillerme Pérez, representante no Consello de Memoria Democrática.

O debate estruturarase en dous bloques, con intervencións de ata tres minutos, para analizar cuestións como o impacto da represión sobre a intelectualidade, o autogoberno, a soberanía dos recursos, a emerxencia lingüística nas aulas e o financiamento das políticas públicas de memoria democrática. A actividade será de balde e con entrada libre ata completar aforo.

O domingo 8 de novembro, ás 12.00 horas, a Casa do Concello acollerá o acto institucional ‘A Rúa da Dignidade’, que lembrará a decisión adoptada en 1979 de dedicarlle unha rúa a Alexandre Bóveda. A xornada incluirá unha contextualización histórica, unha lectura inspirada nas últimas cartas do galeguista, a cargo do escritor e narrador Celso Fernández Sanmartín “Celsiño”, unha ofrenda floral e un peche con música ao vivo e un petisco para as persoas asistentes.

O foro concluirá ese mesmo día, entre as 18.30 e as 19.30 horas, no Multiúsos de Arcade, co espectáculo de danza contemporánea ‘Domitila’, creado e interpretado por Amparo Martínez Paz, con dramaturxia de Afonso Becerra. A peza aborda a reclusión e a resistencia a través da linguaxe do corpo e da expresión escénica.

Con esta terceira edición, o Concello de Soutomaior reafirma a súa aposta pola recuperación e divulgación da memoria histórica, cun programa que combina investigación, reflexión crítica e expresión artística para manter vivo o legado de Alexandre Bóveda e promover unha sociedade máis consciente da súa historia.

Está pasando!