Curtas Festival do Imaxinario estará na 79ª edición do Festival de Cannes

8 Maio 2026

  • Será a través do Fantastic Pavilion, referente internacional para o cine de xénero.
  • A cita servirá de promoción de Vilagarcía ao tempo que se fai “scouting” para captar as mellores produccións e logo exhibilas en Galicia.
  • O certame arousá segue recibindo recoñecementos dentro e fóra do país.

Curtas Festival do Imaxinario, que este ano chega á súa 54ª edición, dá un salto histórico na súa consolidada traxectoria. O certame vilagarcián viaxará a vindeira semana á 79ª edición do Festival de Cannes, que se celebra do 12 ao 23 de maio de 2026, para integrarse no Marché du Film, o mercado profesional máis relevante da industria audiovisual a nivel global.

A presenza de Curtas Festival do Imaxinario na cita francesa articularase a través do Fantastic Pavilion, o epicentro de referencia para a comunidade internacional do cine de xénero dentro de Cannes. Neste espazo, a identidade visual do festival terá un protagonismo especial: podéndose ver tanto o seu logotipo como o seu emblemático trofeo, situando a Vilagarcía de Arousa no mapa dos grandes núcleos de decisión do cine de terror, fantasía e ciencia ficción.

Scouting internacional e promoción de cidade

O equipo de Curtas Festival do Imaxinario desenvolverá unha intensa axenda de traballo co obxectivo de traer o mellor do panorama actual ás pantallas galegas. Estas reunións con produtores, distribuidores, programadores, responsables de festivais, prensa especializada e institucións culturais de todo o mundo permitirán un labor de scouting de primeiro nivel para captar as producións máis punteiras do xénero.
Porén, a misión en Cannes transcende ao estritamente cinematográfico.

O festival actuará como embaixador de Vilagarcía de Arousa, promocionando a cidade como un destino cultural de relevancia ante programadores, prensa especializada e institucións de todo o mundo, marcando un novo fito no crecemento do certame.

SOBRE O FESTIVAL DO IMAXINARIO

Cunha traxectoria que se remonta a 1973, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa é o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente internacional do xénero fantástico e de terror. Máis ca un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cine Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cine, literatura, cómic e artes visuais nunha proposta cultural única.

Membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), Curtas outorga desde este ano o prestixioso Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que concede a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva lista de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo.

Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada selección internacional de longametraxes e curtametraxes, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros. Festexando o fantástico en todas as súas formas.

Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54ª edición do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026, co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, ademais do patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.

Está pasando!