Fotograma do videoclip ‘Arder’ | Escuchando Elefantes

Escuchando Elefantes publica ‘Arder’, o seu primeiro sinxelo orixinal en galego

15 Maio 2026

  • ‘Arder’ (Velā Musa, 2026) é un novo tema de folk rock alegre, intenso e reflexivo, que poderá escoitarse desde este venres, 15 de maio, ás 00.00 horas, en todas as plataformas dixitais.
  • Tras 20 anos de traxectoria, unha das grandes referencias da escena musical galega e estatal regresa cunha nova entrega da súa música melancólica, íntima e profundamente emocional no marco da conmemoración do Día das Letras Galegas, que fala da problemática dos incendios forestais en Galicia.
  • ‘Arder’ ven acompañado dun videoclip no que, xunto a Sílvia Rábade e Carlos Tajes, participan os intérpretes Xosé A.Touriñán, María Vázquez e Ledicia Sola, ademais do corpo de bombeiros da Coruña; a súa estrea terá lugar este venres, 15 de maio, ás 15.30h, canle de YouTube da banda.

“Xuntos temos máis forza que calquera incendio”. Baixo esta premisa, Escuchando Elefantes publica ‘Arder’ (Velā Musa, 2026), o seu primeiro sinxelo orixinal en lingua galega, que desde este venres, 15 de maio, ás 00.00 horas, poderá escoitarse en todas as plataformas dixitais.

‘Arder’ é un tema de folk rock intenso, alegre e reflexivo, no que o tándem galego explora a temática dos incendios forestais que cada verán asolan Galicia. Voces, guitarra e batería poñen alma á problemática do fogo que consume os bosques, co símil de como tamén a arte consume por dentro ao artista.

Tras 20 anos de traxectoria, unha das grandes referencias da escena musical galega e estatal regresa así cunha nova entrega da súa música melancólica, íntima e profundamente emocional, nunha data moi especial: a conmemoración do Día das Letras Galegas.

Como eles mesmos apuntan: “a canción fala de algo que tocounos moi dentro no corazón: ver os montes galegos totalmente queimados deunos unha tristeza que ía a outro nivel de profundidade; e saíu este tema, que gústanos moito e ten moitas colaboracións lindísimas… do noso público, de cantareiras galegas, de queridos actores da nosa escena… Estamos moi contentos de compartila agora con vós, tamén cun novo videoclip co que percorremos toda Galicia e que esperamos que desfrutedes moitísimo”.

Fotograma do videoclip ‘Arder’ | Escuchando Elefantes

RESILIENCIA, MÚSICA E BAILE COMO VÍNCULO DE UNIÓN ANTE A CATÁSTROFE

‘Arder’ é un novo sinxelo cru e honesto de Escuchando Elefantes, que chega acompañado dun videoclip que será estreado na canle de YouTube da banda este mesmo venres, 15 de maio, contra ás 15.30 horas: youtube.com/@escuchandoelefantes.

No novo videoclip, Sílvia Rábade e Carlos Tajes contaron coa colaboración de intérpretes galegos tan queridos como Xosé A. Touriñán, María Vázquez e Ledicia Sola, ademais da participación do corpo de bombeiros da Coruña. Xunto a eles, un coro de cantareiras galegas e case un centenar de persoas anónimas uniron as súas voces ao unísono para cantar como un himno o retrouso de ‘ARDER’, coa clara mensaxe de que xuntos temos máis forza que calquera incendio e poñendo en valor o espírito galego da resiliencia, a música e o baile como vínculo de unión ante a catástrofe.

O videoclip de ‘Arder’ percorre paisaxes galegas atravesadas de melancolía e beleza, con moi diversas localizacións, entre elas, as praias da Costa da Morte e Arteixo; os montes de Lalín, Ourense, Pontevedra e Lugo; Belesar, na Ribeira Sacra lucense; Castelo e zonas de Cambre e Culleredo; a Cidade da Cultura en Compostela; a Fervenza do Río Toxa, en Pontevedra; a Illa Pancha, en Ribadeo; Combarro; a Illa de Arousa; o Parque de Bombeiros da Coruña, con Alberto Queijas colaborando nun dos planos finais; e, por suposto, diferentes rúas da cidade herculina.

ESCUCHANDO ELEFANTES, A EMOCIÓN E A CONEXIÓN DE DÚAS VOCES AUTÉNTICAS

Escuchando Elefantes son Carlos e Sílvia. A conexión entre eles, as súas voces e a súa maneira de sentir son as bases dun tándem que destaca pola grande forza que transmiten e o vínculo tan especial que manteñen co seu público. As súas letras están cargadas de emoción e contan historias cunha intensidade que é, ás veces, doce e, outras, sobrecolledora.

Escuchando Elefante compaxina festivais, teatros, salas e grandes escenarios con espazos intimistas e actuacións espontáneas na rúa para sentir a proximidade da audiencia. Durante a súa carreira colaboraron con grandes figuras como Glen Hansard, Bono, Paddy Casey, Hozier, Sinéad O’Connor e Amancio Prada, entre moitos outros. Tamén participaron en festivais como o BBK Live, O Son do Camiño, o Festival Noroeste ou o Caudal Fest.

Moi queridos polo público e a prensa especializada, que fala deles como “expansivos e interactivos nos seus directos, introspectivos e íntimos nos seus discos” (Carlos Crespo, Fugas, La Voz de Galicia), os artistas galegos non deixan a ninguén indiferente. A súa voz, a súa música e a súa autenticidade conectan a un nivel profundo, consolidándose, tras 20 anos de traxectoria, como unha das propostas máis auténticas da escena alternativa española.

Está pasando!