Sector pesqueiro, hostalaría e expertos reúnense en Soutomaior para impulsar os produtos da ría

27 Outubro 2026

O Concello de Soutomaior celebrará este mércores, 28 de outubro, o seminario «Do mar á mesa: novos valores para os produtos da nosa ría», unha xornada destinada a impulsar a valorización dos produtos pesqueiros locais a través da sustentabilidade, a innovación gastronómica e a cooperación entre os distintos axentes vinculados ao mar.

A actividade desenvolverase no Multiúsos de Arcade, entre as 09:30 e as 13:15 horas, e enmárcase no proxecto ‘Manxares do Mar’, unha iniciativa do Concello de Soutomaior cofinanciada ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), aprobadas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP – Ría de Vigo-A Guarda) no marco do Fondo marítimo de Pesca e Acuicultura (PE155A), que busca avanzar na definición de actuacións e estratexias de cara á anualidade de 2027.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, participará na apertura institucional, xunto con representantes do GALP Ría de Vigo-A Guarda, para dar comezo a unha xornada que reunirá profesionais do sector pesqueiro, da hostalaría e da gastronomía, así como especialistas en sustentabilidade mariña e desenvolvemento local.

«Temos que poñer en valor a riqueza da nosa ría e o traballo das persoas que viven do mar. Apostar polos produtos locais, tamén por aqueles que hoxe teñen menos saída comercial, é unha oportunidade para fortalecer a pesca artesanal, innovar na gastronomía e xerar novas oportunidades económicas no noso territorio», sinala Manu Lourenzo.

O encontro prestará especial atención ás posibilidades que ofrecen as especies pesqueiras menos coñecidas ou con menor demanda comercial, co obxectivo de identificar barreiras para a súa comercialización e explorar novas formas de incorporalas á oferta gastronómica e de achegalas ás persoas consumidoras.

A xornada comezará coa conferencia inaugural de Haritz Ayarza, do grupo Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, que abordará o futuro da pesca artesanal, os recursos mariños, a sustentabilidade e a diversificación.

O programa continuará con tres mesas de debate. A primeira centrarase na relación entre o recurso pesqueiro e o mercado, co foco nas especies de menor demanda e nas dificultades para a súa comercialización. Participarán Eduardo Pérez, biólogo da Confraría de Arcade, xunto con representantes desta entidade.

A segunda mesa abordará a relación entre gastronomía e consumo, analizando a incorporación de novas especies ás cartas dos restaurantes, a creación de formatos innovadores e a comunicación do valor cultural dos produtos locais. Contará coa participación do chef Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, en Pontevedra, especializado na introdución de especies pouco coñecidas ou de menor valor comercial, así como de José María Soto Díaz, de Trece Restobar, e Lisi Martínez, de A Filla do Mar, ambos os dous establecementos de Arcade.

O desenvolvemento local e o patrimonio mariñeiro centrarán a terceira mesa, que tratará cuestións como o turismo sostible, a conservación do patrimonio vivo, o papel das mulleres no sector e o futuro das profesións vinculadas ao mar. Neste espazo intervirá Pablo Mariño, cofundador de Bluscus, e Gonzalo Outeiro, Concelleiro de Soutomaior, que presentará os proxectos municipais vinculados ao mar e á posta en valor do noso territorio e recursos marítimo – persqueiros.

A parte final da xornada estará dedicada á posta en común de conclusións e á recollida de propostas de cooperación e contidos para o desenvolvemento do proxecto en 2027. Nesta sesión participarán Javier García Galdo e Miriam Fariñas, biólogos do equipo técnico de Sinerxia.

O seminario rematará cun espazo de encontro e intercambio de impresións acompañado dunha degustación de receitas elaboradas con produtos locais da ría, co propósito de amosar as posibilidades culinarias destes recursos e favorecer novas conexións entre os sectores implicados.

Con esta iniciativa, o Concello de Soutomaior continúa traballando para reforzar a conexión entre a pesca artesanal, a gastronomía e o desenvolvemento económico local, promovendo o recoñecemento dos produtos da ría, a diversificación da oferta gastronómica e novas oportunidades para o sector pesqueiro e hostaleiro.

Está pasando!