5º Festival de Cinema Mac Marín

mar18agoConsultarsáb22ago5º Festival de Cinema Mac MarínMostra do Audiovisual e Cinema de Marín(Consultar) Concello de Marín - Marín

Detalles do Evento

Do 18 ao 22 de agosto, Marín volverá converterse nun punto de encontro para o audiovisual cun festival que continúa medrando en contidos, participación e proxección internacional.

Ao longo de cinco días, a A Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín (MAC MARÍN) ofrecerá unha programación heteroxénea e multidisciplinar que combinará cinema, series, ficción sonora, encontros profesionais, formación, divulgación e actividades para todos os públicos.

Un dos grandes atractivos desta edición será a área profesional de mercado e produción, concibida como un foro de encontro entre cineastas, produtoras, distribuidoras, institucións e espazos de rodaxe. Neste contexto, o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo presentará o Hub Audiovisual de Vigo, unha iniciativa estratéxica chamada a converterse nun dos principais motores do sector audiovisual galego.

A súa presenza no MAC MARÍN permitirá achegar este proxecto a profesionais, estudantes e creadores emerxentes, favorecendo a creación de sinerxías, a captación de novas producións e a conexión entre o ámbito formativo e a industria audiovisual.

Outro dos sinais de identidade desta quinta edición será a destacada presenza do talento marinense. Ata catro obras de cineastas da vila formarán parte da programación oficial: as longametraxes ‘As liñas descontinuas’, de Anxos Fazáns e ‘Así chegou a noite’, de Ángel Santos; as curtas ‘Cousa Mala’ de Gero Costas e ‘Furancho Bota Viño’ creada por Elena Gallego e Mayka Braña.

Cada unha delas contará cunha proxección específica ao longo do festival, remarcando o rol da MAC MARÍN como espazo visibilizador da creación audiovisual local.

Á selección de longametraxes súmanse tamén o documental ‘Serê Kaniyê’, do realizador galego Olmo Couto, e ‘Fomos Ficando Sós’, de Adrián Canoura, e ‘Aunque seamos islas’, da realizadora asturiana Cristina Rodríguez, ampliando o catálogo da sección Filmes Atlánticos.

A programación completarase con charlas e encontros protagonizados polos creadores de contido Rogelio Santos Queiruga, Nuska Chousa e Iván Pérez, de Savia Nova, que compartirán co público, unha vez máis, a súa experiencia nos ámbitos da divulgación e a creación de contidos, así como unha sesión infantil adicada aos máis pequenos cunha selección de produccións animadas e de imaxe real.

Entre outros obxectivos acadados nesta edición destaca o importante crecemento da sección Cinema Xove, que contou cunha destacable participación de escolas de cinema e facultades de comunicación de Galicia e de diferentes países.

A este fito súmase o éxito da recentemente creada sección de Ficción Sonora, que xa se converteu na terceira categoría con maior número de obras inscritas, cunha participación de producións provinte, a maior parte delas, do circuito Audio Fiction World Cup, que xunto ás participantes do circuito Web Series World Cup, forman parte da sección Novos Medios do festival.

O programa completo pódese consultar e descargarse na páxina web mac-marin.com, así como a través do perfil oficial de Instagram @macmarin, onde tamén se irán anunciando todas as novidades desta quinta edición; entre elas, toda a selección oficial das diferentes seccións e categorías, que darase a coñecer progresivamente ao longo desta fin de semana a través das canles oficiais do festival.

A maior parte das actividades e proxeccións serán de acceso gratuíto.

Os pases especiais e determinadas actividades como o obradoiro con Nuska Chousa terán un prezo de entre 5 e 6 euros.

As entradas estarán dispoñibles na páxina web do festival a partir deste luns e poderán adquirirse tanto de forma individual como mediante bonos, cun prezo máis vantaxoso.

No caso das proxeccións nocturnas, programadas a partir das 21.00 horas nos distintos espazos habilitados; Finca de Briz, Parque Azul, Auditorio Municipal e Hotel Villa de Marín, tamén será posible adquirir as entradas directamente na taquilla ata quince minutos antes do inicio de cada sesión.

Hora

agosto 18 (Martes) - 22 (Sábado)

Localización

Concello de Marín

Marín

Está pasando!