This is a repeating event

Festa Corsaria 2026 en Marín

ven14agoConsultarFesta Corsaria 2026 en Marín14 e 15 de agosto de 2026(Consultar: venres) Alameda de Marín - Marín

Detalles do Evento

A Festa Corsaria 2026, que se celebrará os días 14 e 15 de agosto, chega a esta nova edición convertida nun dos grandes fitos do calendario festivo marinense, cunha participación que bate todos os récords rexistrados ata o momento.

A elevada resposta da cidadanía e da hostalería confirma o importante crecemento experimentado pola Festa Corsaria nos últimos anos. En concreto, este ano recibíronse 68 solicitudes de mesas por parte de particulares e outras 32 da hostalería, alcanzando as 100 peticións para participar nos xantares e ceas corsarios.

A participación tamén medra no Concurso de Decoración Corsaria, con 26 propostas presentadas por particulares e 10 por establecementos hostaleiros, o que evidencia a implicación de veciñanza, grupos de amigos, familias e negocios nunha celebración que cada ano adquire maior dimensión e capacidade de atracción.

Os premios do concurso entregaranse o sábado 15 de agosto ás 20.45 horas na Praza de España.

A programación deseñada polo Concello converterá as rúas, prazas e espazos da vila nun auténtico escenario histórico durante dúas xornadas, con actividades para todos os públicos e unha importante presenza da tradición mariñeira e corsaria de Marín.

Entre os principais atractivos estará o Mercado Corsario, así como as bases mariñas, que contarán coas embarcacións de Gago de Mendoza e co barco inglés. Tamén se instalará unha granxa escola e terá lugar un Encontro de Vela Tradicional do 1800, que incluirá visitas guiadas.

Festa Corsaria 2025 | Concello de Marín

DOUS DÍAS DE PROGRAMACIÓN PARA REVIVIR O MARÍN CORSARIO

A programación permitirá coñecer tamén diferentes oficios tradicionais vinculados á vida mariñeira, xunto con cantos de cego, obradoiros de esgrima e tiro con arco, exhibicións de esgrima e de aves, atraccións infantís e unha ampla proposta de animación de rúa, con diferentes batucadas que percorrerán a vila ao longo da xornada.

O gran espectáculo nocturno estará protagonizado pola figura de Juan Gago de Mendoza, corsario de Marín, e servirá de antesala ao gran peche da festa, con DJ Pablo Grande.

Toda a programación, cos horarios e localizacións das diferentes actividades, poderá consultarse na páxina web do Concello de Marín, nas redes sociais municipais e nos paneis informativos instalados en diferentes puntos das rúas e prazas da vila.

MONDRA E ORTIGA, CONCERTOS DO VENRES PARA QUENTAR MOTORES

O venres 14 de agosto, ás 22.30 horas na Praza de España, actuarán Ortiga e Mondra, dentro do proxecto Orballo Cultural, financiado a través da Xunta de Galicia. Xa o sábado 15, ás 19.00 horas, será a quenda da Banda de Balbina.

UNHA FESTA QUE PON EN VALOR A HISTORIA DE MARÍN

A Festa Corsaria ten como eixo central a recuperación e divulgación dun episodio histórico vinculado á figura de Juan Gago de Mendoza e á defensa de Marín fronte ás tropas inglesas.

A recreación rememora os acontecementos de agosto de 1800 en Aguete, cando o corsario marinense se enfrontou ás tropas inglesas que pretendían facerse co cargamento de prata que transportaba a fragata Alcudia con destino a Pontevedra.

A través desta recreación histórica, o Concello busca poñer en valor a historia marítima e corsaria de Marín, achegándoa á cidadanía e ás persoas visitantes e consolidando a primeira metade do mes de agosto como unha das datas máis destacadas do calendario festivo da vila.

DISPOSITIVO ESPECIAL DE MOBILIDADE

O Concello de Marín estableceu, en coordinación coa Policía Local, un dispositivo especial de mobilidade para garantir o correcto desenvolvemento da Festa Corsaria e facilitar, na medida do posible, os desprazamentos da veciñanza.

Durante a celebración haberá cortes de tráfico e restricións de estacionamento en diferentes zonas da vila, especialmente no ámbito da zona vella e nos espazos do casco urbano nos que se concentrará boa parte da programación.

O Concello manterá ademais unha coordinación directa cos garaxes e comunidades de usuarios afectados polas restricións, co obxectivo de buscar solucións específicas para cada caso. Para os residentes habilitaranse tamén tarxetas específicas e espazos disuasorios de estacionamento, que permitirán facilitar a mobilidade durante o desenvolvemento da festa.

Desde o Concello de Marín faise un chamamento á cidadanía para gozar dunha Festa Corsaria que este ano medra tanto en participación como en programación, e que aspira a converterse nunha das edicións máis multitudinarias da súa historia.

O récord de solicitudes de mesas e a elevada participación no concurso de decoración demostran, segundo o Concello, que a Festa Corsaria é xa unha celebración plenamente consolidada, capaz de implicar á propia veciñanza e de atraer cada ano a máis persoas a Marín para vivir unha xornada festiva arredor da súa historia, da súa tradición mariñeira e da figura de Gago de Mendoza.

Hora

Consultar (Venres)

Localización

Alameda de Marín

Alameda Rosalía de Castro, 36900 Marín

Está pasando!